Viveiro, 30 de setembro, 2021. Para o BNG resulta curioso comprobar como nos últimos 3 anos, pandemia por medio, traballouse máis por unha ría de Viveiro limpa que nos 15 anos anteriores. Ata aquela, o saneamento de Viveiro solo serviu para facer fotos e anuncios dunha chuvia de millóns en inversións, tanto por parte do PP con Feixóo como Conselleiro de obras públicas primeiro, e presidente despois, anunciando unha inversión de 7 millóns de € no ano 2010; e tamen do PSOE de Viveiro, coa famosa foto con Beatriz Mato e Jesús Cal do Convenio de 2016, que quedou en papel mollado.
En todo caso, este avance é unha boa nova, e algo terá que ver coa mobilización social e co traballo feito polo BNG, con iniciativas no Pleno Municipal, no Parlamento Galego, no Parlamento Europeo, a recollida de sinaturas, o mural denuncia realizado, a concentración que convocamos en Celeiro… Chegouse a espertar o interese do Goberno Municipal e a Xunta, que conseguiron iniciar as obras da ampliación da EDAR a finais de 2020. Resulta incrible que, pese a todo, María Loureiro fixo máis críticas ao BNG de Viveiro polo seu traballo, que autocrítica pola desfeita do seu propio Goberno, incapaz durante anos de solventar unha das prioridades dun Goberno municipal como é garantir a saúde pública e preservar o medio ambiente.
Pero queda moito que facer: aínda existen moitos puntos de verquido iregulares e puntos de alivio por tormentas, ao carecer Viveiro dunha rede de seneamento separativa; tampouco esquecemos unha praia de Covas que carece dunha solución definitiva para a súa rexeneración. Como reclamamos noutras ocasións, tras o saneamento da ría é preciso un estudo para a súa rexeneración integral e recuperación medioambiental e produtiva, e instamos ao goberno municipal a que inicie canto antes os trámites ante os organismos correspondentes para a súa elaboración.
En canto á aprobación inicial do proxecto saneamento de Celeiro e construcción do emisario, o BNG votou a favor, como non podería ser doutro xeito, xa que a súa execución beneficiará a toda a veciñanza de Viveiro, e suporá un avance nos obxectivos polos que vimos loitando.
Sen embargo, xúrdennos unha serie de dúbidas e advertencias:
. O novo emisario proxectado verte sustancialmente máis perto do interior da ría que o punto de verquido anterior, en particular, a 200m antes do espigón de Celeiro, xustificado en que o verquido da EDAR realizarase nunhas condicións ótimas. Instamos ao Goberno Municipal a realizar un seguimento exahustivo tras a recepción da obra, e comprobar que non afecta á captación cercana do Porto de Celeiro e praias.
. E unha pregunta; as novas instalacións deberán ser xestionadas polo Concello de Viveiro. Serán estas instalacións asumidas directamente por Viaqua, ou realizarase unha nova licitación? Ten o Concello de Viveiro un Proxecto de Explotación das novas instalacións cunha valoración económica, ou deixará todo en mans de Viaqua, como é habitual?