Riotorto, 30 de setembro, 2021. O BNG levará ao Parlamento a “improvisación” e “abuso” da Xunta na xestión da ubicación das plantas de Sogama, que ten o seu último episodio no proxecto de instalación dunha planta de transferencia de residuos en Aldurfe, en Riotorto. Así o anunciaron tras unha reunión coa veciñanza da parroquia na que participaron Olalla Rodil e Dani Castro, deputados parlamentarios, e Luis Fernández, concelleiro da formación nacionalista en Riotorto.
Rodil e Castro sinalaron que “a Xunta e o Concello non poden mentir á veciñanza decindo que a actividade destas plantas é inocua. Menos aínda cando, coma neste caso, se pretenden construír en núcleos rurais dedicados á actividade agrogandeira, apropiándos adeamis na práctica das vías de acceso”
“A improvisación, a salta de mata, que está impoñendo a Xunta e Sogama, aquí agravada pola colaboración escurantista do Concello, ten como consecuencia este tipo de abusos”, sinalaron durante o encontro, a carón dos terreos nos que se proxecta a planta, no Franco, a escasos metros das casas e de leiras e fincas das gandeirías da parroquia.
Os prexuízos para a actividade gandeira e a afectación medioambiental son os principais motivos da oposición da veciñanza á construción da planta, en fase de licitación, despois de que o Concello de Riotorto cedese os terreos para a súa instalación.
As iniciativas no Parlamento súmanse as do grupo municipal que, no vindeiro pleno municipal, esixirá a paralizaciíon da construción da planta, revocando a cesión de uso dos terreos que aprobaron sen ter en conta o interese da veciñanza nin as consecuencias ambientais que a nave terá na contorna, onde tamén se sitúa un punto de captación de auga do Roldín que abastece as parroquias de Riotorto e Espasande de Abaixo.
Desde o BNG sinalan que, aínda que inicialmente recibiría lixo dos concellos máis próximos -A Pastoriza, A Pontenova, Meira, Pol e Ribeira de Piquín-, á vista das dimensións do proxecto, a planta está chamada a ser unha macroempacadora a onde chegaría o lixo de media provincia de Lugo -Abadín, Baleira, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Trabada e Vilalba – polo que o tránsito de camións mesmo superaría a cifra de 10 camións diarios dos que falaron o Xunta de Galiza e o Concello.