Santiago, 7 de setembro, 2021. A viceportavoz do Grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil avanzou os asuntos que o BNG defenderá na vindeira sesión plenaria prevista para os días 14 e 15 de setembro.
No inicio do curso político, o BNG leva ao parlamento un Proxecto de Lei para reducir o prezo da luz e garantir o acceso deste “ben básico” ao conxunto da poboación. Rodil recalcou que urxe “unha reforma do sector eléctrico”, nun contexto de escalada histórica dos prezos. É necesario, dixo, rematar coa “estafa da luz e o espolio enerxético”. Neste sentido, anunciou que a proposta de lei do BNG vai na senda de p “reformar a normativa que regula o sector eléctrico no conxunto do Estado”. Unha proposta de lei que persegue dous obxectivos: reducir o prezo da luz no conxunto do Estado e compensar o carácter produtor e excedentario na produción enerxética e eléctrica de Galiza para que os galegos e galegas nos beneficiemos e reverta a electricidade que producimos a “esgalla” no desenvolvemento social e económico en Galiza.
Propostas para frear a estafa da luz
Rodil explicou que Galiza precisa incrementar o seu poder de decisión, “ampliando o noso autogoberno” e que as comunidades autónomas participen na regulación e no deseño das actividades destinadas ao subministro de enerxía eléctrica.
Nesta liña, outras das medidas propostas polo BNG está relacionada coa supresión de determinados custes do sistema eléctrico “repercutidos hoxe na factura” e que deben ser asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado, indicou.
Propoñemos tamén, mudar o sistema actual de poxa (pool) por un sistema de custes recoñecidos. Hoxe pagamos todo ao prezo da tecnoloxía máis cara e puxo como exemplo mercar nun supermercado peixe como a xarda, xurelos e percebes e pagar todo ao prezo dos percebes. Temos que camiñar cara “un sistema de custes diferenciado”.
A nacionalista lembrou que o BNG leva moito tempo defendendo unha Tarifa eléctrica galega, compensacións para os territorios excedentarios na produción de enerxía eléctrica e que peaxes e cargos sexan calculados de maneira diferente compensando os custes sociais e ambientais desa produción.
Urxe potenciar a “produción de renovábeis de maneira ordenada, sustentable e xusta” nun contexto de crise climática e transición enerxética no que debemos potenciar novas fontes de enerxía.
Baleirado de encoros galegos
Entre as iniciativas do BNG no vindeiro pleno, figura unha pregunta sobre baleirado dos encoros. Neste asunto, para a nacionalista, o Partido popular volve a mostrar a súa faciana “máis cínica” e onte tivemos que escoitar a Feijóo dicir que Galiza non tiña competencias e que de telas actuaría con máis contundencia.
“Non sei se toma as galegas por parvas ou directamente o seu cinismo non ten límites” porque leva 12 anos de goberno na Xunta e “cero transferencias. Non é que non teña competencias, é que non as quere e para mostra 12 anos de goberno na Xunta e cero transferencias, ademais de votar votou en contra de maneira reiterada cada vez que o BNG propón reclamar as competencias das Cuncas Hidrográficas.
Tampouco exerce as competencias propias, como as medioambientais e “sabían que Iberdrola ía baleirar A Cenza e Portas e non fixeron nada”. O único que fixeron foi beneficiar ás eléctricas reducindo o 90% a contía das sancións por semellante atentado ecolóxico na Lei de pesca continental que aprobou o PP en decembro de 2020 neste Parlamento. “Son un cínicos”, recalcou Rodil.
Pontón pregunta a Feixóo polas medidas para reforzar a Atención Primaria
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará ao presidente da Xunta polas medidas para reforzar a Atención Primaria ante a situación de sobrecarga dos centros de saúde con “listas de agarda de máis dunha semana, sobrecarga de traballo das e dos profesionais, cada vez máis exhaustos, e falta de profesionais”.
Finalmente, Rodil lamentou que, unha vez máis, o veto do PP impida a comparecencia de Feixóo para explicar a decisión do TSXG sobre o certificado COVID na hostalería para acceder aos interiores, medida que o tribunal cualificou de “vulneración de dereitos fundamentais da cidadanía galega”, usando como coartada a pandemia.