Viveiro, 21 de setembro, 2021. O Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galiza (Decreto 35/2000 do 28 de xaneiro), ten por obxecto garantir ás persoas con mobilidade reducida ou con calquera outra limitación a accesibilidade e a utilización do contorno urbano, de edificios, medios de transporte e sistemas de comunicación sensorial; e promover, pola súa banda, a utilización de axudas técnicas axeitadas que permitan mellorala calidade de vida das persoas. O artigo 13 establece a obriga por parte das entidades locais a adaptar de xeito gradual as vías públicas, parques e espazos públicos, así como as instalacións de servizos e mobiliario urbano.
Foi tras a publicación deste decreto cando o bipartito comezou as primeiras reunións coa Asociación de Minusválidos A Mariña estando o concelleiro do BNG, F.L. Rodríguez Guerreiro, como tenente de alcalde e responsable da área de Asuntos Sociais.
A primeira actuación do bipartito no 2003 foi a execución de obras para facer vaos peonís nas zonas de Lodeiro, Antonio Bas e Covas. Tras varias reunións coas asociacións implicadas para identificar aquelas zonas susceptibles de ser adaptadas, así como das necesidades das persoas con mobilidade reducida, incluído un percorrido por Viveiro con persoas afectadas polas barreiras.
Case 20 anos despois, a carencia de planificación do goberno do PSOE en canto a Accesibilidade no Concello de Viveiro, salta á vista, un simple paseo serve para atoparse con infinidade de barreiras arquitectónicas: maceteiros, bolardos, papeleiras, sinais ou farolas que non favorecen unha circulación cómoda (Av. Navia Castrillón, Av. Ramón Canosa…), saltos de desnivel na beirarrúa sen corrixir (diante do conservatorio de música), beirarrúas estreitas e ramplas que non son practicables nin adaptadas ou con pavimento en mal estado (rúa Verxeles, paseo marítimo de Covas, Rúa Nicolás Cora Montenegro, Rúa Grande de Celeiro), escaleiras e desniveis sen sinal luminosa nocturna (paso por debaixo da ponte da Misericordia, escaleiras Xardíns Noriega Varela, oco sen recheo diante do centro comarcal), accesos que non son practicables (praias de Covas e de Area, parque Pernas Peón), ausencia de pasarelas enrolábles para o acceso ao mar nas praias, carencia de acceso ás gradas do pavillón municipal, piscina municipal sen sistema hidráulico para o acceso aos vasos, carencia de randeeiras adaptadas nos parques infantís…
Barreiras no transporte, como prazas de aparcamento para P.M.R. insuficientes e falta de vixilancia do mal uso que exercen algunhas persoas.
E infindas son as barreiras na comunicación: carencia de sinalización adaptada en edificios e dependencias municipais (pictogramas, braille, planos en relevo…), accesos a edificios municipais con portas sen célula fotoeléctrica, páxina web que segue sen ser accesible, ausencia de sistemas de bucle magnético ou sistema alternativo en edificios de participación cidadá (ex. Teatro), ausencia de intérpretes de lingua de signos en espazos culturais e actividades convocadas polo Concello.
O dereito á accesibilidade universal é un dereito humano no que o único que importa é todo o que queda por facer para a súa consecución.
O impulso da marca Viveiro Inclúe anunciada polo goberno en febreiro do 2020 resulta positiva sempre e cando se leve a cabo, mais resulta insuficiente pois non existe un marco organizativo nas políticas de accesibilidade e inclusión social que coordine todas as áreas do concello de Viveiro que se ven implicadas, pois a accesibilidade e a eliminación de barreiras non só deben ser coordinados dende a área de cultura e a de servizos sociais como se anunciou. A accesibilidade no concello precisa da coordinación de varias áreas: urbanismo, edificación, mobilidade e transporte, comunicación e información, benestar social, formación e emprego, cultura, deportes, asociacionismo e participación cidadá. Dita coordinación é inviable sen un Plan de Accesibilidade que conte: cun diagnóstico da situación actual a través de recollida de información e programación de obras municipais; cunha avaliación da accesibilidade; con propostas de actuacións e determinación coas accións que non son competencia municipal; cunha valoración de presupostos; e cun plan de etapas con criterios que establezan prioridades.
É preciso un Plan de Accesibilidade municipal como ferramenta de xestión. Un plan que non só servirá para ofrecer ás persoas con diversidade funcional os recursos para gozar dunha vida plena e en igualdade de oportunidades, senón que tamén beneficiará ás nosas persoas maiores, e en xeral, a toda a veciñanza. Sen esquecer que a día de hoxe o turismo accesible é un atractivo os 365 días do ano. En definitiva: un plan que ofrecerá un Viveiro cómodo, moderno e inclusivo.
Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG solicita ao pleno da corporación local a adopción do seguinte ACORDO:
1. Realizar os trámites necesarios para a redacción dun Plan de Accesibilidade adecuado á situación actual do Concello de Viveiro.
2. Crear un Consello municipal de Persoas con Diversidade Funcional (ONCE, ASPANANE, AFA, COGAMI…).
3. Poñer en marcha a anunciada plataforma de participación cidadá así como o tamén anunciado equipo de traballo multidisciplinar que participarán da elaboración do citado Plan.