Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro di que Loureiro nega a asociacións o que agora lle exixe á Xunta, subvencións por concorrencia competitiva

Viveiro, 26 de setembro, 2021. A concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, destapaba hai apenas uns meses a maneira antidemocrática de proceder do equipo de María Loureiro á hora de dar subvencións a asociacións de Viveiro, presentando unha moción para un reparto de fondos municipais xustos, transparentes e equitativos por concorrencia competitiva. Mais agora curiosamente e porque lle convén, é a propia alcaldesa quen exixe un reparto xusto por concorrencia competitiva á Xunta.

A concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, destaca o “cinismo de María Loureiro, quen tentou en todo momento desprestixiar ao BNG e este método de dar subvencións públicas por concorrencia competitiva, mais agora é a propia alcaldesa quen lle exixe a concorrencia competitiva á Xunta apenas uns meses máis tarde. Tivéronllo que facer a ela para que se puxese na pel dxs afectadxs”, recalcou Míriam.

No pleno, cando se debateu a moción do BNG para formalizar un reparto democrático e xusto para todas as asociacións, o equipo de María Loureiro votou en contra sen argumentación sólida algunha, desprestixiando o método da concorrencia competitiva e sen avanzar os criterios que utilizan para conceder unhas cantidades ou outras.

Exit mobile version