Riotorto, 30 de setembro, 2021. O BNG de Riotorto esixirá a paralización da construción da planta de transferencia de residuos de Sogama, no Franco, en Aldurfe, tal como demanda a veciñanza. A formación nacionalista solicitou, co apoio do grupo municipal do PSdG-PSOE, a convocatoria dun pleno extraordinario que terá que celebrarse antes de quince días e no que demandará a suspensión do proxecto, agora en fase de licitación.
O concelleiro do BNG, Luís Fernández, explicou que a localización prevista, nunha masa de concentración parcelaria de titularidade municipal, é incompatible coa actividade gandeira.
“A planta non pode construírse, como pretende o Concello, no medio das casas e das fincas porque afectaría de forma gravísima ao medio de vida dos veciños e veciñas, e tampouco ten os accesos que se requiren para o movemento de camións que se xeneraría”, apuntou o representante nacionalista.
Desde o BNG apuntan que o goberno municipal ten na súa man a paralización do proxecto, revocando a cesión de uso dos terreos que aprobaron sen ter en conta o interese da veciñanza nin as consecuencias ambientais que a nave terá na contorna, onde tamén se sitúa un punto de captación de auga do Roldín que abastece as parroquias de Riotorto e Espasande de Abaixo.
A formación nacionalista confía en que a mobilización social e a presión política obriguen ao goberno municipal a rectificar.