Un dos parques eólicos denominado Borrasca de 84 MW de potencia que está integrado por 15 aeroxeradores de 180 metros de altura, incluída a pa, está situado nos límites dos termos municipais de Foz, Mondoñedo e Lourenzá dos cales dous muíños están proxectados na parroquia de Oirán do municipio mindoniense.
Segundo indica o BNG local, o conxunto de parques restantes denominados Monzón, Boura e Ventisca situados nos termos municipais de Baleira, Pol, Meira, A Pastoriza e Abadín teñen prevista unha liña de evacuación de alta tensión conxunta de 132KW desde a subestación do P.E. Ventisca, no concello de Pol, ata a subestación do P.E. Borrasca no concello de Foz atravesando por Mondoñedo desde o Campo do Oso preto da canteira de Xemil en dirección á Ponte de Vedros na A:8, continuando cara Lindín e seguindo pola ladeira de Padornelo ata baixar a San Pedro da Torre, Vilamor, Monte de Camba, Masma por Marquide e Ardilleiros, Padriñan, A Cazolga, Oirán para rematar na subestación do P.E. Borrasca no termo municipal de Foz.
-O PRAZO PARA PRESENTAR ALEGACIÓNS REMATA O 21 DE SETEMBRO DO 2021-
Para os nacionalistas o proxecto das instalacións e o estudo de impacto ambiental deben estar postos a disposición pública no concello para que calquera persoa interesada poida consultar os aspectos ambientais, arqueolóxicos e principalmente a distribución dos muíños, pistas e as outras infraestruturas como a liña de evacuación de alta tensión. Así que o BNG local úrxelle ao goberno municipal que informe sobre estes proxectos eólicos xunto coa liña de evacuación que pasa polo concello e pídelle ao goberno local a que asesore á veciñanza á hora de presentar alegacións a estes proxectos.
O voceiro do BNG en Mondoñedo, Eloi Cabanas, espera tamén que o concello presente as súas propias alegacións aos Estudos de Impacto Ambiental de toda esta infraestrutura que afecta ao concello e non se quede de brazos cruzados igual que fixo co parque eólico Sasdónigas I e II.
Eloi Cabanas apunta que o BNG como organización nacional vai presentar alegacións e “a nivel local estamos estudando os proxectos para presentar tamén as nosas alegacións correspondentes”.
O BNG defende as enerxías renovábeis pero entende o vento como un ben público cuxo aproveitamento ademais de sustentable na produción de electricidade debe repercutir no conxunto da cidadanía e especificamente nos territorios onde se xera. “O modelo de desenrolo eólico non pode responder só a un interese privado e depredador das grandes empresas eólicas que operan no noso país coa complicidade da Xunta de Galiza”.