Para a deputada, as carencias das oficinas impide desenvolver as súas competencias e a pesar do estudo anunciado no 2019 pola consellería para determinar os recursos necesarios, no ano 2021, “a situación non mudou”.
As oficinas agrarias comarcais, explicou, deben asesorar ás persoas relacionadas coa actividade agropecuaria e “ninguén pode negar, a estas alturas, que os requirimentos administrativos, burocráticos e competenciais para exercer labores agropecuarias son cada día máis, e máis complexos”, recalcou.
Cada novo regulamento da PAC, engadiu, promete ser máis simple pero a realidade demostra que a “solicitude e cumprimento de requisitos para cobro de axudas eleva as exixencias e adaptarse a elas debe contar cun asesoramento público e de proximidade”.
Na actualidade, reiterou Carme Aira, as oficinas están dotadas de persoal de “xeito irregular”, non se cubren as baixas de longa duración, existen prazas vacantes de persoal técnico e baixas en xeral.
O BNG advirte da externalización e unha “privatización encuberta”
Aira criticou que a Consellería en troques de buscar unha solución permite a externalización conducindo ás persoas usuarias a realizar os trámites en xestorías. Neste sentido, urxiu “a consellería a dotar dunha persoa e medios as oficinas como punto de atención ao público para os trámites de rexistro diante da administración”.
Outra cuestión que preocupa ao persoal, dixo nacionalista, é a falta de diálogo coa consellería á hora de implantar novas medidas entre as que destacou o control monitorizado da PAC por satélite, sistema pioneiro en Lugo. Medidas que permiten corrixir as eivas detectadas cara o cobro de subvencións ou axudas da PAC, pero isto, indicou, “implántase sen coñecemento das usuarias e usuarios”, con pouca destreza en novas tecnoloxías de modo que para facer unha foto con xeolocalización ten inevitablemente que pagar, circunstancia que non se daría, dixo, si se facilita o asesoramento e axuda do persoal técnico.
Pola súa parte, o Partido popular propuxo unha emenda de substitución que a nacionalista non aceptou por considerar que non aportaba ningunha mellora a iniciativa do BNG e volveu a reclamar a información dos cadros de persoal das oficinas, FOGGA, Servizo de Explotacións Agrarias, Centro de formación e experimentación agroforestal e centros de investigación solicitada dende hai meses polo grupo parlamentario do BNG.