Santiago de Compostela, 28 de setembro, 2021. A deputada do BNG, Noa Presas defendeu crear unha comisión de investigación para a analizar as causas e consecuencias do baleirado dos encoros, proposta que foi vetada polo Partido popular. A nacionalista preguntou de que “ten medo ou que ten que agochar” o PP para negarse a investigar o acontecido.
Na defensa da iniciativa, responsabilizou ás “empresas eléctricas, Xunta e Estado” de manter, a día de hoxe, a situación bloqueada a pesar da falta de medidas efectivas por parte das autoridades para evitar que o baleirado volva a repetirse no futuro.
Por outra parte, insistiu en que as informacións das eléctricas, á Xunta e o Estado, “son contraditorias e confusas” ademais dunha “responsabilidade compartida”.
A xuízo da deputada do BNG, o Parlamento galego “ten a obriga” de analizar as consecuencias e responsabilidades ao que sumou unha compensación polo dano causado. Neste caso, recalcou Presas, “non é un debate de competencias”, o debate radica en se empregamos o “autogoberno” e os instrumentos a nosa disposición para “velar polos intereses de Galiza”.
Esta mesma semana, explicou a deputada, o encoro de Cenza está no 12,50% e o de As Portas nun 14,74% cando hai un ano estaba no 72,20%. “Dende o BNG reclamamos unha comisión de investigación, non de estudo”, porque a Xunta evidenciou “unha mala praxe” ao que engadiu o coñecemento da Xunta e do Estado do que “ía acontecer”. Neste sentido, indicou que “o 10 de xuño e o 12 de xullo había comunicacións de Iberdrola á Xunta e a Xunta non tomou ningunha medida para evitalo, nin para advertir aos concellos e sectores afectados nin para paliar o posíbel dano nos ecosistemas”.
A presión mediática, social e ecoloxista obrigaron á Xunta a saír publicamente pero despois de dous meses e dez días, aínda non actúo e continúa “facéndolle favores a Iberdrola”. A xunta, sinalou, Presas, “ten competencias para sancionar” polas consecuencias socioeconómicas e medioambientais en Cenza, Portas, en Vilariño de Conso, na Rede Natura.
Noa Presas acusou á Xunta de “ deixadez de funcións” e de favorecer ao “lobby enerxético”. Iberdrola tivo un beneficio neto de 1.531M€ nos seis primeiros meses de 2021 e sóbranlle 1.429 millóns de euros para seguir “machucando este país”. A propia Iberdrola ten aberto un proceso de sanción, pendente da Audiencia Nacional, por alterar o prezo da enerxía no 2013 precisamente por alterar a capacidade da bacía do Sil.
“As eléctricas séntense impunes porque os gobernos permiten esa impunidade adelgazando os mecanismos legais e mirando para outro lado nestas situacións”, afirmou.
A Xunta actuou tarde, non exerceu a súa capacidade inspectora e hai que averiguar se é, “como pago aos abrazos do presidente da Xunta l ao señor Galán no Foro da Toxa ou por pura incompetencia”.
Ante a escalada das agresións do lobby eléctrico, este Parlamento ten que estar á altura das circunstancias e defender a dignidade deste país.
A deputada lamentou o voto en contra do PP que impediu crear a comisión de investigación solicitada polo BNG