Foz, 10 de setembro de 2021. Esta semana no Concello de Foz hai unha muller exercendo de alcaldesa en funcións, Inés López Couto, e outra na xefatura da Policía Local, Rosa María Varela Villasante.
A rexedora municipal destaca que “a semana do 6 ao 12 de setembro do 2021 converterase para o Concello de Foz nun momento de exemplificación do cambio de liderado no mundo das administracións e da empresa” porque esta semana o Concello ten á fronte a unha xefa de policía, Rosa María Varela Villasante e a unha alcaldesa por delegación, Inés López Couto.
“Este feito, que comeza a ser cada vez máis habitual, é a primeira vez que ocorre en Foz”, engade Inés López.
En palabras de ambas, “é un orgullo traballar para mellorar e axudar ao teu pobo”. E López Couto explica que “a Alcaldía é cada día un reto novo. Sempre aparecen imprevistos que debes ser capaz de analizar e solucionar con axilidade para que a vida dos veciños se vexa o menos afectada posible. É unha responsabilidade moi grande, que asumes con dedicación e humildade. Cada día aprendes algo novo e intentas facelo sempre mellor. Pouco a pouco os proxectos van saíndo, o que fai que sigamos traballando con ilusión”.
Rosa Varela é a axente de maior antigüidade no corpo de Policía Local de Foz, xunto co xefe titular. Trinta e un anos de dedicación a unha profesión que nos seus comezos tiña unha minoría feminina e que cada día incorpora máis mulleres aos seus efectivos. “Dende que empecei ata os tempos actuais a Policía Local evolucionou moitísimo. Con máis competencias, a lexislación cambia continuamente, é preciso estar ao día”, explica Rosa Varela, que engade: “é a primeira vez que me nomean suplente do Xefe da Policía Local de Foz, é unha substitución. Isto implica asumir de maneira temporal as funcións do xefe (de organización e das xestións derivadas do servizo), ademais de facer a quenda que me corresponda. Asumir esta substitución véxoo como algo normal, sen moita importancia; é algo puntual e prevese que vai ser unha suplencia curta. A idea é manter a mesma liña de traballo, tentar resolver os problemas que vaian xurdindo, en colaboración cos compañeiros, a corporación e as diferentes seccións do concello. Ó final isto é un traballo de equipo pois aínda que un poida solucionar incidencias por un só ás veces é necesario o apoio de compañeiros de todos os departamentos do Concello, políticos e cidadáns.”
“O qué máis me gusta do meu traballo é cando as cousas saen ben, cando axudas a alguén, cando un evento finaliza sen incidencias”, comenta Rosa Varela.
A alcaldesa en funcións e concelleira de Facenda, Emprego e Cultura salienta que o Concello de Foz “conta con importante representación feminina. No caso das áreas nas que teño delegación o persoal municipal feminino chega a preto dun 70 por cento, por poñer un exemplo”.
E para rematar Inés López indica: “seguiremos traballando. Este camiño comezárono outras mulleres moito antes e non debe ser a excepción senón que debe ser unha realidade do noso día a día”.