Nos vindeiros meses, desenvolveranse diferentes actuacións para mellorar as condicións de uso e seguridade da infraestrutura, como a reparación das aceras que rodean o céspede para evitar golpes ou lesións e a instalación de banquiños homologados, así como actuacións no peche do recinto para evitar que os balóns saian fóra.
De cara ao vindeiro ano, construirase unha grada con capacidade para un cento de persoas que ampliará a capacidade e a confortabilidade do campo, empregado de forma habitual polos máis de 70 nenas e nenos das escolas deportivas do Concello e da Asociación Deportiva Río Ouro.
O concelleiro de Deportes do Valadouro, Eliseo Teijeiro, destacou que “nestas semanas no goberno tratamos de axilizar os procedementos administrativos para poder comezar xa cos traballos de mellora do campo comprometidos. Neste ano, realizaremos as actuacións máis urxentes, e en 2022, construirase a grada, completando a reforma dunha infraestrutura deportiva fundamental para o Concello do Valadouro”.
O deputado de Deportes, Efrén Castro, reiterou a disposición da área de Deportes a colaborar no financiamento destas actuacións que mellorarán as condicións do uso do campo e facilitarán a práctica do deporte, sobre todo nas categorías de formación”. Neste sentido, subliñou o compromiso “da Vicepresidencia co tecido deportivo das distintas comarcas, cun abano de liñas de axudas para a actividade competitiva e para a organización de eventos que se convocan anualmente”.