Burela, a 28 de setembro de 2021. O portavoz do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, asegura que “quen mestura as cousas e trata de confundir á veciñanza, unha vez máis, é o alcalde Llano”. Así o manifestou tras coñecer as súas declaracións en relación á sentenza que condena ao Concello a indemnizar con máis de 40.000 a unha traballadora xubilada por incapacidade permanente e total recoñecida polo Instituto da Seguridade Social e nas que di que o Partido Popular malinterpreta as cousas, que non hai sentenza e que o xuízo é en novembro”.
O popular aclara que “houbo un xuízo no Xulgado do Social de Lugo o 9 de setembro deste mesmo ano e a sentenza que citamos dende o PP asinouse o 22 deste mesmo mes” despois de que a traballadora xubilada presentara demanda ante o Xulgado do Social nº2 de Lugo a finais de maio do presente ano “tras dirixirse ao Concello ata en dúas ocasións solicitando a bonificación á que fai referencia o artigo 73 do convenio colectivo do persoal do Concello de Burela sen obter ningunha resposta por parte do alcalde”.
“Descoñecemos os motivos polos que o alcalde decidiu ignorar a súa petición sen ter respondido sequera á solicitude da afectada que reclamaba a indemnización que legalmente lle corresponde”, segundo apunta Rouco. “De terse atendido no seu momento, evitaría este conflito”; pero, “lamentablemente, dende o Grupo Municipal Popular estamos acostumados porque este é o proceder habitual do alcalde ao longo deste mandato”.
O popular desmonta tamén as escusas do alcalde socialista que alega que isto é culpa da Lei Montoro. “É radicalmente falso porque existe unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do 7 de setembro do 2020 neste sentido e outra do Tribunal Supremo do 14 de marzo do mesmo ano onde se lles recoñece aos traballadores xubilados por unha incapacidade permanente total a aquelas indemnizacións ás que poidan ter dereito derivadas dos convenios colectivos de aplicación nos seus ámbitos laborais”.
“Isto é o que ocorreu neste caso e, polo tanto, o Partido Popular de Burela, unha vez máis, fala coa absoluta certeza dos feitos probados”, incide Rouco.
Policía Local
O voceiro do Grupo Municipal Popular burelés explica que “coas súas declaracións sobre a Policía Local, o señor Llano volve demostrar a súa absoluta falta de traballo. Efectivamente hai un convenio asinado entre o Concello de Burela e a Academia Galega de Seguridade para que esta faga os procesos selectivos para cubrir os postos vacantes na Policía Local; pero, por si só, non chega a nada. É un convenio marco para que a Academia Galega de Seguridade convoque os procesos selectivos; pero o alcalde ten que comunicarlle por escrito cantas prazas queren crear para este ano ou para o que vén e solicitarlle que as inclúa nos procesos selectivos que poña en marcha. Por moito que o señor Llano diga ou anuncie, a forma correcta de tramitar este asunto é coa correspondente solicitude”.
O Grupo Municipal Popular tenlle solicitado documentación ao Concello para coñecer se o alcalde así o fixo, “pero aínda non nos respondeu. Este é un indicativo de como está a situación; a pesar de que leva sei anos anunciando a creación das prazas de Policía Local”.
“O alcalde cobra por non saber do que fala e non facer nada en absoluto”
Rouco conclúe dicindo que “o señor alcalde non sabe do que fala ou non quere saber o que significa que non traballa ou non le os papeis que lle pasan, o que non nos sorprendería en absoluto. O que si é molesto é que este señor estea a cobrar máis de 45.000 euros ao ano por non saber do que fala e non facer nada en absoluto e, aínda por riba, trate de enganar aos veciños e veciñas de Burela”.