Foz, 20 de setembro, 2021. A XIV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrarase este ano en 51 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 65 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados, tamén hai novas entidades como o Concello de Foz que se sumaron por primeira vez a esta duodécima edición. A limpeza que será o 26 de setembro e mobilizará a numerosas persoas voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 51 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.
En Foz realizará a coordinación da limpeza a Concellería de Medio Ambiente e persoas voluntarias do Proxecto Ríos . No río Alemparte en Cangas a partir das 11 hs.
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. Respectaranse tamén as indicacións pertinentes en relación á situación de pandemia provocada pola COVID-19 dependendo da situación sanitaria de cada zona. Dende o Proxecto Ríos recoméndase que os grupos sexan de 10 persoas como máximo e se respecte sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 m. O uso de máscara será de obrigatorio para todas as persoas participantes. Cada persoa voluntaria será agasallada cunha camisola e deberá levar as súas propias luvas. A actividade conta cun seguro de accidentes po lo que é necesario anotar previamente as persoas participantes maiores de idade. As menores deberán obrigatoriamente estar acompañadas en todo momento dunha persoa adulta. A Anotación será no enderezo patrimonio.medioambiente@concellodefoz.es con data límite o 25 de setembro.