Site icon Crónica3.com A Mariña

Estreo da tempada cun 4-0 sobre Melilla

Burela, 18 de setembro, 2021. O Pescados Rubén Burela FS arrincou a nova singradura de 2021-22 co obxectivo cumprido, un bo resultado e portería a 0, 4-0 sobre o Torreblanca Melilla. “O importante eran os tres puntos. Foi un partido lento, por momentos contaxiámonos do pouco ritmo que quería imprimir o rival. En defensa traballamos cada vez mellor pero temos que seguir facendo fincapé sobre o ataque e na rapidez en circulación de balón; imos avanzando pero aínda temos moito por diante” reflexionaba así Lucas tras a cita fronte a un conxunto que estreou a liga en Vista Alegre deixando pegada do gran cambio que sufriu nas súas filas.

As mariñás foron claras dominadoras ante un Melilla desbordado, que por fases puxo perigo sobre a rede local. Unha das máis incisivas na cita, Ale de Paz, foi a encargada de abrir o electrónico no 4 de xogo, cun golazo para enmarcar; a de Neda cazouna ao voo e practicamente sen ángulo conseguiu perforar a rede. Tras o perigo por partida dobre de Jhennif sobre a rede de Sandra Buzón, a 17 burelista rozou o segundo nun pase de Emilly. Ata noutras dúas ocasións puxo en apertos a portería do Torreblanca Ale, servindo o segundo xusto no ecuador da primeira parte con Cami e Elena Aragón, nunha acción na que a meta melillense tivo que retirarse. Sara Sores poucos minutos despois regresou para ser o verdugo de Peque en varias ocasións; Leti, fronte ao pau, tampouco puido subir o terceiro.

Co desexo melillense de acurtar distancias, resistiuse tamén a finalización das Guerreiras Laranxas ata o minuto 35, a falta de cinco e medio para a bucina final e cun clásico xiro de Dany. Apostaron entón as de Maca por porteira xogadora. No 37, coa segunda amarela para Guti, o Melilla tivo que pelexar en inferioridade e Emilly aproveitou para selar o cuarto cun potente mísil.

Agora toca descansar para comezar unha semana atípica cunha nova concentración de Peque, Ale de Paz e Dany, ademais da incorporación de Elenita, con España (Las Rozas, 20-23 de setembro).

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Dany, Peque, Ale de Paz, M. Cortés, cinco inicial; tamén xogaron Elenita, Bea Mateos, Emilly, Elena Aragón, Cami, Lara Balseiro, Jozi Oliveira

MSC Torreblanca FS: Sara Sores, Jhennif, Nerea Miralles, Julia, Bia, cinco inicial; tamén xogaron Juliana, Nona, Guti, Indira, Patri

Goles: 1-0, minuto 4, Ale de Paz; 2-0, minuto 10, Elena Aragón; 3-0, minuto 35, Dany; 4-0, minuto 38, Emilly

Árbitros: Carreira Romero // Ferrero Carballal. Por Burela amarela para Bea Mateos (minuto 19). Por Melilla amarela para Jhennif (24), Sara Soares (24), Guti (minuto 27 e 37)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 1 de Primeira RFEF Feminina disputado en Vista Alegre. As Guerreiras Laranxas saltaron ao parqué da Bomboneira ofrecendo o trofeo de liga á afección.

Exit mobile version