Site icon Crónica3.com A Mariña

Este venres e sábado celébrase o I Torneo de rugby inclusivo en Ribadeo

Ribadeo, 24 de setembro de 2021. O Concello colabora co I Torneo de Rugby 7 Inclusivo que se celebra mañá, sábado, no Campo de Outeiro na parroquia da Devesa. No evento participan 7 clubs mixtos galegos e asturianos.

O edil de Deportes, Jorge Díaz, explicou que “arredor de 80 xogadores e xogadoras de rugby inclusivo mixto daranse cita mañá a partir das tres da tarde no Campo de Outeiro (A Devesa, Ribadeo) para disputar o I Torneo de Rugby 7 Inclusivo”.

O concelleiro ribadense subliñou que “o Concello de Ribadeo, no seu afán de promover iniciativas que se adapten a todos os públicos, colabora co club BeOne Ribadeo Rugby poñendo a disposición as instalacións, carpas e outros material precisos para o bo desenvolvemento do torneo. O mesmo tempo o club BeOne Ribadeo Rugby colabora na difusión do Rugby en Ribadeo participando nas escolas deportivas do Concello que oferta o rugby entre as súas actividades. O 1 de outubro comezan as mesmas no Campo da Vía”.

Díaz Freije dixo que “se trata do primeiro torneo destas características que se celebra en territorio galego e é un pracer que sexa na nosa vila, agardamos que non sexa o último”.

O edil destacou tamén “a importancia de traer a Ribadeo eventos deste calibre que, ademais de fomentar a inclusión de persoas con discapacidade no deporte, serven para promocionar os recursos turísticos e naturais e o patrimonio histórico, artístico e cultural do Concello de Ribadeo e da comarca da Mariña Oriental”.

Este primeiro torneo de rugby inclusivo na modalidade de rugby a 7 reunirá en Ribadeo a clubs galegos e asturianos, entre os que están: Colexio Fundación EDES (Tapia de Casariego, Asturias), Colexio Santa María del Naranco – Alter Vía (Oviedo, Asturias), Asociación Llanerense de Rugby (Llanera, Asturias), CRAT Coruña (A Coruña, Galicia), Clube de Rugby Fendetestas (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña, Galicia), Muralla Rugby Club (Lugo, Galicia), e Club BeOne Ribadeo Rugby (Ribadeo, Lugo).

“O rugby inclusivo consiste na práctica deste deporte por persoas con e sen discapacidade intelectual. É altamente recomendable, tanto polo benestar físico e mental que conleva, como para mellorar a calidade de vida e a inclusión social de persoas con discapacidade”, explicou Daniel Sever, presidente do Club BeOne Ribadeo Rugby.

O concelleiro de Deportes engadiu: “é un orgullo ver cómo Ribadeo fomenta o deporte inclusivo en xeral e o rugby inclusivo en particular. Iniciativas coma esta fan que un se sinta orgulloso do seu pobo”.

Jorge Díaz participou na presentación do I Torneo de Rugby 7 Inclusivo, que tivo lugar no Campo de Outeiro.

Exit mobile version