Burela, 16 de setembro de 2021. A Casa da Cultura de Burela acollerá mañá, venres, ás sete da tarde o acto de recoñecemento a Herminia Pernas como cronista oficial da vila. Ata 200 persoas poderán asistir a esta cita na que intervirán a protagonista, o profesor Beramendi González, o alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Cultura, José Díaz.
O rexedor burelés contou que “non tivemos unha ocasión clara de realizar este acto durante todo este tempo, derivado da pandemia, pero agora si xa o queremos facer e imos ter a oportunidade, dunha maneira colectiva e compartida, mañá no auditorio ás sete da tarde, para todo o mundo que queira acudir. É certo que temos unha limitación de momento de 200 persoas, cando no auditorio podían coller 800, pero é suficiente sobre todo pola cronista para que se vexa arroupada e empezar esta labor, que é moi interesante”.
Llano anima “a toda a xente que poida ir a que vaia por alí e temos que dicir que é algo que nos ilusiona a todos que se poña a traballar o antes a cronista porque sempre é unha labor motivadora para toda a veciñanza. O acto vai contar coa presenza de cronistas da Mariña e tamén vai estar Beramendi González, que foi un profesor dela e que é unha persoa moi interesante. Tamén estaremos o concelleiro de Cultura máis eu para falar un pouco da figura de cronista. Este acto é aberto a todo o mundo cumprindo sempre coas medidas ocasionadas polo coronavirus”.