Site icon Crónica3.com A Mariña

Este domingo disputarase no estadio municipal Pepe Barrera o Trofeo Acisa Festas Patronais entre o Ribadeo FC e o Viveiro FC

Ribadeo, 3 de setembro de 2021. Este domingo, 5 de setembro, as 18:00 horas disputarase no estadio municipal Pepe Barrera, de Ribadeo, o Trofeo Acisa Festas Patronais.

Como xa anunciou o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “este domingo temos todos unha cita co fútbol as 18:00 horas para ver o derbi mariñá que disputarán o Ribadeo FC e o Viveiro CF no estadio municipal Pepe Barrera. A apertura de billeteiras será as 16:30 horas e a entrada terá un custe de 8 euros. Os menores de 12 anos disporán de entrada gratuíta”.

O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, agradeceu “a labor tanto da directiva do Ribadeo FC coma da nosa xerencia polo traballo que están a facer estes días para facer deste encontro deportivo un referente, así coma o Concello de Ribadeo pola súa inestimable colaboración”.

Pérez Prada engadiu: “o partido ven con algunha sorpresas, como xa anunciou nas súas redes o Ribadeo FC e grazas as xestións do seu presidente, o saque de honor correrá a cargo de Nerea Lago, actual subcampioa de España de Skiff e integrante da Selección Española Xuvenil de Remo Olímpico. Ademais a este encontro poñeralle voz Félix Jorquera, apaixonado do fútbol e de Ribadeo, xornalista e director de RadioVoz na provincia de Lugo e do xornal dixital Crónica 3. E tamén, no descanso do partido sortearanse 100 euros en vales de compra de Acisa Ribadeo. En definitiva, estanse a rematar os últimos detalles dun encontro que esperamos sexa moi especial, así coma os trofeos que pertencen á colección da nosa asociación e que foron deseñados por Sargadelos”.

Iriarte Quintana dixo: “ tamén quero agradecer a colaboración dos compañeiros do CCH de Viveiro, xa que tanto eles coma nos estamos a facer un sorteo nas nosas contas de facebook para darlle visibilidade a este partido”.

O presidente de Acisa Ribadeo agarda “poder encher o estadio de afeccionados de ambos equipos, dentro do aforo permitido. Trátase dun domingo ás seis da tarde, polo que para os nosos veciños e veciñas de Viveiro é unha oportunidade de vir pola maña, desfrutar dos nosos comercios abertos, saborear a nosa gastronomía comendo nalgún dos nosos restaurantes, dar un paseo vendo Ribadeo ou incluso poden realizar algunha das actividades enmarcadas no Ribadeo4x4, coorganizado co Concello no marco do SetembroXNatural. E ás 18:00 horas achegarse e vibrar co mellor fútbol. E se aínda teñen tempo desfrutar da nosa hostaleira tomando algo para celebrar o resultado e quizais quedarse a cenar”.

Exit mobile version