Ribadeo, 10 de setembro de 2021. Acisa pide responsabilidades polo corte de luz que se produciu esta mañá en Ribadeo e acadou unha duración de dez minutos. A patronal ribadense agarda que Viesgo e Begasa lles expliquen aos empresarios e á veciñanza que está a pasar co subministro eléctrico neste concello.
O xerente, Jesús Pérez, sinalou que “non se pode permitir o que está a pasar en Ribadeo coa luz. O Día da Patroa, sobre as dúas e media, houbo un corte cando a hostalería estaba xa ofrecendo o servizo de comidas. Xornadas atrás volveron producirse microcortes e hoxe xa chegou a gota que encheu o vaso, porque en Ribadeo estivemos sen luz desde as 9:53 minutos e ata pasadas as 10 da mañá, horario de apertura de locais de comerciais e de servizo de almorzos en hoteis e bares”.
Desde Acisa Pérez Prada dixo que “os teléfonos de Acisa botan fume e non é para menos. Os nosos hostaleiros están que morden, porque o seu traballo se está a ver gravemente prexudicado, porque se xeran avarías graves nas súas máquinas e tamén malestar na súa clientela. A imaxe que damos de Ribadeo é bastante penosa. A tempada alta rematou, pero afortunadamente o mes de setembro é bo para o sector hostaleiro, pero así non se pode traballar”.
Jesús Pérez esixe responsabilidades: “en nome de Acisa e dos máis de 170 negocios asociados esiximos a Viesgo e a Begasa unha explicación e que se fagan cargo dos danos causados con estes cortes de luz, que estamos a sufrir unha vez máis en Ribadeo. Canto máis se encarece o recibo, peor subministro temos. E iso non pode ser. E tamén lles pedimos ás administracións que velen porque o servizo que recibimos se preste coa debida calidade”.
E engadiu: “hoxe non nos valen as disculpas de temporais, chuvias, tormentas, vento… porque disto hoxe nada de nada. E si teñen que facer revisións, traballos, etc, o menos que poden facer é avisar ao empresariado afectado e á veciñanza”.