A mandataria popular fixo un alto na súa campaña para desprazarse a Quiroga e comprobar in situ, acompañada polo alcalde, Julio Álvarez, e o portavoz popular na Pobra do Brollón, Fernando Parada, “as consecuencias deste terrible incendio” e, ao mesmo tempo, “trasladarlles, como compañeira, a miña solidariedade e apoio”.
Candia manifestou a súa “condena e repulsa ás actividades incendiarias”; xa que “a unidade de investigación apunta a que foi un incendio intencionado”. Tamén engadiu que “todos temos a responsabilidade de sensibilizar sobre os danos e prexuízos que ocasionan estas prácticas de natureza delitiva e que, entre todos, temos que conseguir erradicar”.
A popular agradeceu “a tódalas persoas que participaron no control do lume, a implicación de tódalas administracións -o persoal do Concello de Quiroga, do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais da Xunta, da UME, de todos os Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e Protección Civil-”. A este respecto, subliñou “a importancia da colaboración entre administracións ante sinistros coma este”.
Candia lamentou a situación que afecta a unha gran superficie dunha zona “absolutamente marabillosa que todos desexaríamos visitar por outro motivo; pero, indubidablemente, cando ocorre un feito tan desagradable coma este, tamén temos que exteriorizar o noso apoio, a vontade de traballo conxunto e o agradecemento a aqueles que estiveron na primeira liña”.