Lugo, 10 de setembro de 2021. A presidenta do PP lucense e candidata a revalidar o cargo, Elena Candia, continúa coa súa campaña de cara ao 18º Congreso provincial e, unha vez designados os compromisarios electos, comezou en Lugo as reunións cos da zona centro da provincia aos que lles agradeceu o seu interese por participar no cónclave. Candia adiantou as principais ideas do comunicado-relatorio que conforma as bases para construír o proxecto do PP para a provincia: “un proxecto apoiado na vontade de diálogo e no traballo a favor do benestar da sociedade lucense, do seu progreso económico, social e tecnolóxico garantindo a igualdade de dereitos entre os lucenses das zonas urbanas e o rural”.
A popular apuntou que “o noso obxectivo é gobernar na cidade de Lugo e na Deputación de Lugo. A xente na rúa pídenos cambio” e, polo tanto, “é a nosa responsabilidade materializalo”. Para iso aposta por “traballar dende a humildade e de forma próxima aos veciños para consolidar a alternativa que constitúe o Partido Popular da provincia, o que máis se parece aos lucenses”.
Candia lembrou que “o Partido Popular foi a forza máis votada no conxunto da provincia nas municipais do 2019, a un deputado da maioría absoluta na Deputación. Tamén na cidade de Lugo, o PP foi a forza política que recibiu máis apoios subindo incluso a porcentaxe de votos”. Aínda así, “non debemos relaxarnos en ningún dos concellos”, apuntou. “Temos que esforzarnos para sumar en todos, tanto nos concellos máis grandes coma nos máis pequenos”. A popular avogou, neste sentido, por “seguir escoitando e atendendo as demandas dos lucenses sendo sensibles coa súa realidade”.
Nese sentido, convidou aos compromisarios a traballar de forma comprometida de cara aos vindeiros comicios locais: “o equipo integrado polos compromisarios ten que ser o xerme de traballo cara as municipais 2023”, aseverou a popular subliñando que se trata dun equipo “cuantitativa e cualitativamente representativo e moi importante”.
O PP intensificará a súa presenza nas rúas da cidade de Lugo
O presidente local do PP de Lugo, Ramón Carballo, agradeceu tamén a todos os compromisarios o seu compromiso e as súas ganas por participar neste Congreso: “é ilusionante recuperar a normalidade e volver a xuntarnos tras uns meses tan duros onde o contacto directo, que tanto nos gusta aos do Partido Popular, quedou relegado a unha mínima expresión”.
Carballo avanzou que nesta nova etapa post-pandemia se van intensificar as accións na rúa. Dando resposta á petición da presidenta provincial, “estaremos en primeira liña as 24 horas para que os lucenses nos visibilicen como a alternativa a un bigoberno que maquilla a realidade e que prioriza os intereses de partido por riba dos intereses dos cidadáns”.
“O noso obxectivo é presentar iniciativas encamiñadas a reparar os danos económicos e sociais provocados pola covid-19 e que pasan por implementar unha nova política fiscal, revitalizar o comercio, impulsar a actividade turística e liderar o desafío dixital xunto coa planificación de accións que axuden a fixar o talento e creen oportunidades”, manifestou.