Lugo, 2 de setembro de 2021. Elena Candia, proclamada única candidata a presidir o PP da provincia de Lugo despois do 18 Congreso, centrará a súa campaña en tres accións: “o recoñecemento á fidelidade, o apoio e a confianza dos afiliados da base; reunións de traballo abertas á militancia naqueles concellos estratéxicos e con menos representación e encontros con todos os compromisarios por comarcas”. Tamén se reunirá con concelleiros de xuventude de distintos Concellos e cos responsables do PP en cada distrito da cidade de Lugo.
A actual presidenta e candidata a revalidar o cargo o vindeiro domingo 19 de setembro, iniciou este xoves os actos de campaña cunha reunión cos tres afiliados máis veteranos do Partido Popular da provincia de Lugo, inscritos dende antes de que nacera a propia Elena Candia. A popular quixo recibilos “en sinal de recoñecemento a toda a afiliación que me acompañou estes seis anos aportando moitos coñecementos, experiencia e demostrándome afecto no día a día”. Durante a xuntanza, Candia fixo balance do traballo realizado nestes últimos anos e explicoulles os actos nos que consistirá a súa campaña.
Á última hora deste xoves, manterá outro encontro coas tres últimas persoas en afiliarse para “darlles benvida ao Partido Popular da provincia de Lugo”.
Máis actos
Posteriormente, a vindeira semana, manterá en Meira unha reunión aberta para escoitar á militancia co obxectivo de chegar a “aqueles concellos estratéxicos e onde o Partido Popular conta con menos representación nas corporacións municipais”.
Tamén desenvolverá encontros por comarcas cos compromisarios, aqueles que poderán votar en urna durante a celebración do 18 Congreso provincial. O prazo para que os afiliados inscritos como electores se inscriban como tal para remata o vindeiro mércores 8 de setembro.
Candia quere, así mesmo, escoitar aos responsables das áreas de xuventude nos Concellos da provincia para coñecer máis de preto as accións que están a desenvolver e, por supostos, escoitar as reivindicacións dos mozos e mozas, que son o futuro da nosa provincia”. E tamén se reunirá cos responsables do Partido Popular nos distintos distritos da cidade de Lugo.
“Igual que fixen ata agora, quero seguir traballando e escoitando á militancia porque é fundamental estar ao pé dos veciños para coñecer os seus problemas do día a día e tratar de darlles solución dende as institucións”, dixo.
Elena Candia continuará, así mesmo, a manter reunións cos alcaldes, portavoces e representantes do PP nas distintas institucións onde ten representación seguindo a dinámica habitual de traballo constante durante todos estes seis anos.
Un proxecto de partido, un proxecto para Lugo
Candia traballa “nun proxecto de futuro para a provincia de Lugo” baseado nun decálogo que presentará a vindeira semana e no comunicado-relatorio que baixo o título ‘Un proxecto de partido, un proxecto para Lugo’ se estruturará en varios apartados: economía e emprego, medio rural e sector primario, servizos públicos, infraestruturas, igualdade, política social, sanitaria e medio ambiental e rematará con propostas e reflexións no ámbito da mocidade, educación, cultura e turismo.
A relatora, a deputada autonómica Cristina Sanz, está a manter encontros con axentes e representantes de colectivos e sectores estratéxicos para a provincia -o empresarial, o agrogandeiro, o da madeira, o pesqueiro ou o hostaleiro, entre outros- para recoller as súas ideas e incorporalas a un documento aberto e participativo. Así mesmo, continúa aberto a disposición de calquera veciño da provincia o buzón de suxestións ‘Únete ao noso proxecto’ na web do PP da provincia de Lugo: https://ppdelugo.es/a-tua-opinion.