Lugo, 24 de setembro de 2021. A presidenta provincial do PP, Elena Candia, vén de convocar ao Comité Executivo Provincial, aprobado o pasado domingo no Congreso celebrado polos populares e no que a mindoniense acadou un respaldo amplo dos compromisarios para o vindeiro 7 de outubro, ás 20:00 horas, na sede do Partido, situada na rúa Poeta Ramón Cabanillas.
Deste xeito, Elena Candia arranca o plan de traballo da formación popular, e ao igual que se fixo en 2016, nesa xuntanza pecharase o organigrama e a folla de ruta para encarar “o camiño que, nos permita acadar os nosos obxectivos”.
“Un Partido aberto e útil”
Ademais, a presidenta tamén remitiu sendos comunicados de agradecemento aos compromisarios que participaron “activamente” na organización do conclave e ás asociacións e colectivos que fixeron as súas achegar ao Comunicado, aprobado tamén por unanimidade de todos os compromisarios e que dirixiu a deputada autonómica Cristina Sanz.
Trátase, di a dirixente lucense, de “fidelizar esa relación co Partido” e engade, “o que pretendo é que sexan as bases e alicerces sobre os que pivotar unha estrutura grande e preparada para poder liderar un cambio na nosa provincia e na cidade de Lugo. O meu obxectivo, afirma. é facer un Partido aberto e útil ao tecido socioeconómico dunha maneira constante e facer un seguimento das súas preocupacións e reivindicacións”.
Os congresos locais, un reto inmediato
Deste xeito, e no marco seguir avanzando na organización da estrutura provincial, a presidenta adianta que “xa temos en mente a proposta de congresos locais”. “Empezamos preparados e moi ilusionados, polo que nos vindeiros días tamén iremos pechando estes procesos”, conclúe.