Ribadeo, 21 de setembro 2021. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, lamenta que “o BNG non ten iniciativa de goberno e vai a rebufo dos veciños e do Grupo Municipal Popular”. É máis, condena que “o goberno municipal do BNG actúe en contra dos intereses locais poñendo paus nas rodas ás inversións da Xunta en Ribadeo e dicindo que non aos veciños. O dirixente do BNG non traballa en beneficio de tódolos veciños; senón que defende os intereses do seu partido”.
Así o manifesta ante o “sorprendente anuncio de investimentos para as escolas das parroquias; despois de que os veciños levan 16 anos reclamando ao Concello melloras e agora que fixeron o traballo en colaboración co Grupo Municipal Popular para solucionar o problema de falta de inversión municipal para mellorar as escolas do rural”.
Vega cre que “o goberno local do BNG actúa de forma perversa” ao “dicir que non constantemente ás inversións da Xunta en Ribadeo” que, nesta ocasión, segundo advirte o voceiro popular, “poden supoñer a perda de máis de 46.000 euros nos locais sociais das parroquias de Vilaselán, Cubelas e Rinlo ao negarse a conceder o permiso de obra para que as asociacións de veciños poidan investir as axudas que a Xunta xa lles ingresou”.
“Primeiro dicía que era fundamental a licenza -como sinalaban para as obras no colexio que tamén é de titularidade municipal-, pero só é necesario un permiso, como nós advertíamos”, engade.
O voceiro do Grupo Municipal Popular considera “totalmente incoherente que o goberno local pida investimento a outras administracións para o arranxo doutras infraestruturas de titularidade municipal; pero que diga aos veciños que non poden xestionar unha subvención para arranxar as escolas; cando traballaron para poñer solución a un problema que levan 16 anos reclamando ao Concello: a colocación de ventás na escola da parroquia de Cubelas, o arranxo da cuberta na escola de Rinlo porque chove dentro, etc”.
Pleno extraordinario
Vega sinala, a este respecto, que “analizaremos todo este asunto nun pleno extraordinario que esiximos que se convoque urxentemente. Queremos que o goberno se manifeste dunha vez por todas para deixarlle aos veciños poñerse a traballar e que tamén eles se poñan a traballar dunha vez por todas”.
Inversións da Xunta en Ribadeo
O voceiro do Grupo Municipal Popular recórdalle ao goberno do BNG a súa responsabilidade para xestionar investimentos e pon algúns exemplos recentes dos investimentos da Xunta en Ribadeo que acreditan que “é falsa a matraca continuada que levamos durante moito tempo escoitando por parte do BNG de que a Xunta non inviste no noso pobo”.
Vega cita, por exemplo, “1 millón de euros para a rehabilitación integral do CEIP Gregorio Sanz, 60.000 euros para a mellora da escola infantil ou os preto de 60.000 euros que a Xunta ingresou xa a catro asociacións de veciños para mellorar as escolas das súas parroquias”. É dicir, “o partido da oposición logrou máis orzamento para Ribadeo que o goberno local”, conclúe.