Site icon Crónica3.com A Mariña

Concentracións no Hospital e centros de saúde da Mariña pola devolución dos dereitos ao persoal do SERGAS

Burela, 9 de setembro, 2021. Hoxe xoves día 9 de setembro, o persoal do SERGAS concentrouse diante do Hospital da Mariña e dos Centros de Saúde para esixir a devolución dos dereitos que foron roubados polo goberno de Feijóo no ano 2010

Segundo explica o delegado da CIG-Saúde a Mariña Adolfo Corral, Feixó adoptou á súa chegada ao goberno a “medida estrela” de conxelar os salarios dos traballadores/as da sanidade pública galega dos exercicios 2010, 2011 e 2012, medidas que non aplicou ao resto do persoal da administración pública e confiscou os 3 días de libre disposición a todo o persoal do SERGAS.

Desde aquela a CIG-Saúde ven reclamando a devolución dos dereitos laborais e retributivos das traballadoras e traballadores da sanidade pública galega. Máis cando desde o goberno da Xunta se promoveron acordos de mellora salarial -á que tiñan dereito- para outros colectivos da administración pública ou cando se recoñeceu a carreira profesional para todo o persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza, “Ao tempo que negociaban estes acordos amosaban a súa reiterada negativa a negociar un acordo na mesa sectorial para devolver ao persoal do SERGAS os recortes laborais e salariais acumulados dende o ano 2010”, denuncia Adolfo Corral.

Dende a CIG-Saúde lembran que cando o goberno estatal anunciou que había unha recuperación económica, a través das distintas mesas de negociación fixéronse calendarios para a recuperación dos recortes que se produciron mediante esa lei de estabilidade. Porén, máis unha vez “Feixó negouse de forma sistemática a establecer ningún calendario de recuperación para devolver ao persoal do SERGAS os salarios que leva conxelados nos exercicios 2010, 2011 e 2012” nin a devolución dos seus 3 días de libre disposición.

Diferenza de entre 200 e 400 € ao mes co resto do persoal da administración pública
Matiza, con todo, que “o que estamos a pedir non é un incremento salarial, é que nos devolva o que nos leva roubado”. Uns salarios que tiñan que ter percibido e que terían permitido que se equipararan as súas condicións á media dos servizos de saúde. Fronte a iso “seguimos estando retributivamente á cola dos servizos de saúde e cuns salarios que minimizaban a diferenza salarial que temos co resto de traballadores e traballadoras da administración pública”, sinala.

Afirma ademais que entre o persoal do SERGAS de igual nivel, pero dunha maior exixencia no rango de titulación hai unha diferenza co resto do persoal da administración pública de entre 200 e 400 euros mensuais. “É dicir, un traballador da administración pública que traballa de luns a venres percibe unha retribución entre 200 e 400 euros superior fronte o persoal do SERGAS que ten unha prestación de servizo as 24 horas do día os 365 días do ano”. Diferenza que, segundo afirma, queda constatada na orde de confección de nóminas que anualmente publica a Xunta de Galiza.

Establecemento dun calendario de recuperación
Xunto a isto, dende a CIG-Saúde reprochamos que agora coa pandemia “Feixó presuma do bo traballo realizado polo persoal da sanidade pública galega e faga promoción política e persoal con isto”. Consideramos que, fronte á propaganda “o que ten que facer é devolvernos o roubado. Cremos que xa é hora”.

Denuncia que o recoñecemento do SERGAS cara o traballo desempeñado polo persoal é seguir negando o establecemento dun calendario de recuperación dos dereitos roubados, “asi é como nos recompensan por facer o noso traballo”, un traballo que se visibilizou na pandemia pero que é o mesmo que facemos o resto do ano”.

Exit mobile version