Mondoñedo, 25 de setembro de 2021. Concello e Bispado avanzan no acordo de cesión dalgunhas estancias do Pazo Episcopal para a posta en valor dun proxecto enmarcado no Plan Turístico Nacional 2021-2022. O convenio de cesión foi aprobado no día de onte polo pleno municipal, de tal xeito que as dependencias eclesiásticas albergarán pezas que forman parte do patrimonio da Catedral e da propia Diócese, así como outras pertencentes a distintas institucións ou persoas vinculadas á tradición relixiosa de Mondoñedo e ao Camiño Norte.
4 obxectivos do Plan cumpridos
Este é o primeiro paso dun proxecto moi ambicioso que se irá concretando, e que se enmarca no Plan Turístico Nacional 2021-2022 dotado con 65 millóns de euros para intervir en ata 61 inmobles de toda España de titularidade pública para convertelos en sostibles. Tal é así que cumpre os catro eixos de actuación do mesmo e que son os seguintes: transformación do modelo turístico cara a sostibilidade, programa de dixitalización e intelixencia para destinos e sector turístico, estratexias de resilencia turística e actuacións especiais no ámbito da competitividade.
A iniciativa de Mondoñedo recibe 3,5 millóns de euros, e é un dos investimentos máis destacados, xunto ao Museo de Belas Artes de Oviedo, a Finca El Carral de Burgos, o Pazo Fernández Alejo de Toledo, o Mosteiro de Iratxe de Navarra, a Casa Real de Alzira de Valencia ou o Mosteiro Novo de San Juan de la Peña de Huesca.
O traspaso do inmoble será por 29 anos. Neste senso, agradecen a disposición do Bispado e sinalan que esta iniciativa “potenciará a oferta turística que temos e enriquecerá o Camiño Norte, consolidando esta ruta xacobea dende o punto de vista turístico”.