Site icon Crónica3.com A Mariña

Cig-Saúde A Mariña denuncia a grave situación que está a padecer a atención primaria na comarca

A Mariña, 10 de setembro, 2021. Dende Cig-Saúde A Mariña queremos facer visible e denunciar a grave situación que está a padecer a atención primaria en toda Galiza e concretamente na Mariña. Lembrades cando nas consultas médicas dos centros de saúde non había listas de agarda?, cando as consultas eran presenciais?, cando tiñas un/unha médica de referencia agás o mes que se ía de vacacións, cando se substituían as ausencias do persoal?. Eses tempos mudaron grazas a falta de previsións e a mala planificación e xestión de quen goberna Galiza e a data de hoxe, a situación é tan grave que preguntámonos se vai ter que actuar a UME ( unidade militar de emerxencias) para poder cubrir as necesidades sanitarias da poboación.

A modo de exemplo en Viveiro con 15391 habitantes o que lle hai que engadir tódolos veraneantes , un centro con 10 facultativos de medicina de familia (7 médicas/os de mañá e 3 de tarde ) están atendidas as consultas por dous médicos mais un que atende as urxencias de mañá. Saen a máis de 5000 usuarios por médico cando o ratio de pacientes médica non debe pasar de 1250 ou dito de outro xeito, tres médicos teñen que facer o traballo de dez.

O persoal está sobrepasado e non pode nestas condicións garantir unha calidade asistencial mínima. Xerase unha situación de impotencia, de deixar de crer no seu traballo e so desexan que alguén poña o freo a este desbarre ideolóxico destrutivo que está asfixiando á atención primaria e como consecuencia saturando a atención hospitalaria.

Os xestores agóchanse na pandemia para xustificar o inxustificable cando esta situación vímola arrastrando dende fai anos e vemos como se vai agravando ano tras ano . Non ten nada que ver a Covid 19 coa retirada de recursos para a sanidade pública e máis concretamente coa eliminación de profesionais na atención primaria.

Creemos que xa é hora de que tódolos cargos intermedios, dende os xefes de unidade, de servizo, cargos da xerencia, xerentes, e directores xerais asuman as súas responsabilidades, peten na mesa e lle fagan chegar o presidente Feijoo que menos non é máis, que non se pode xogar coa sanidade nin coas traballadoras, nin coa saúde da cidadanía e se non o logran…… Dimisión por coherencia-

Exit mobile version