‘E incomprensible e de todo intolerable que os que nos gobernan estean a permitir o desmantelamento industrial de Galicia”, sinala Víctor Ledo, secretario xeral de Industria.
Cando aínda non nos tiñamos recuperado do gran golpe para a comarca de Ferrolterra que supuxo o peche da planta de Gamesa nas Somozas, que ‘emigrou’ a Portugal, da situación de Endesa e as auxiliares que nela traballaban e da complexa situación de Alcoa en San Cibrao e AluIberica, hoxe toca denunciar outro mazazo que ven a debilitar, aínda máis, a estrutura industrial de Galicia. Vestas -unha fábrica de compoñentes eólicos con base en Chavín, Viveiro- segue o mesmo camiño de deslocalización que a multinacional Siemens-Gamesa, e pecha a súa fábrica na Mariña de Lugo para empurrar un centro novo, punteiro en I+D+i preto de Oporto. Un centro que será clave no desenvolvemento de novos produtos da eólica.
“Cómpre poñer de manifesto a inmensa contradición que existe na incoherencia dos discursos políticos ao redor dos plans de recuperación, fondos europeos, green deal e da mal chamada transición enerxética, que está a ser unha estafa, pola incerteza do sector siderúrxico e o peche de centrais como a térmica de As Pontes e, ao mesmo tempo, permitir o peche de empresas renovables, co consecuente impacto engadido ás poboacións onde están asentadas, situación tamén contraditoria co despoboamento en Galicia”, denunciou Ledo.
Na fábrica de Viveiro, Vestas empregaba a 115 persoas, traballadores e traballadoras asentados na Mariña de Lugo coas súas familias, aos que propón reubicar forzando o traslados a outros afastados xeograficamente.
Dende CCOO Industria Galicia insistimos na importancia de adiantar os proxectos propostos por esta Federación ligados ás enerxías renovables co dobre obxectivo de diminuír a factura eléctrica e de ter en conta a compoñente local como instrumento de absorción do desemprego que se ven a xerar cunha transición que é todo menos xusta para o conxunto dos traballadores e traballadoras.