Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “Tomé foi á comisión de deputacións da FEMP a presumir de todo o que non fai na provincia de Lugo”

Lugo, 20 de setembro de 2021. O PSOE, alí onde goberna, cando as cousas non lle van ben, propende a buscar fora do seus ámbitos de xestión o aplauso que non é capaz de gañar no seu territorio. O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, non é unha excepción, como acaba de quedar demostrado na súa recente participación en Almería na reunión de presidentes de deputacións promovida pola Federación Española de Municipios e Provincias. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Tomé foi a comisión de deputacións da FEMP a presumir de todo o que non fai na provincia de Lugo; non coñecemos presidente da Deputación máis incoherente que o de Lugo, que pretendeu dar leccións de goberno aos seus homólogos na xuntanza en Almería, pero cando chega a Lugo fai todo o contrario do que alí di”.

Castiñeira explica: “Resúltanos insultante que Tomé falase diante de todos os presidentes provinciais de aproveitar fondos europeos Next Generations cando días antes votou en contra dunha proposta popular nese mesmo sentido, esgrimindo escusas de que o goberno provincial non tiña constancia de que estes organismos tivesen acceso a ditos fondos; e despois vai a Almería a dar leccións aos outros presidentes”.

Os populares din que “o máis gracioso é que, ademais de dar leccións a outras deputacións que si teñen proxecto e levan tempo traballando neste sentido, o faga poñendo como exemplo a rede viaria provincial lucense, que posiblemente sexa a máis descoidada de España”. Castiñeira engade: “Aínda é peor porque o fai o delegado de Vías e Obras, o propio señor Tomé, cando el mesmo, co seu voto en contra, impediu que se fixese un plan provincial de estradas para tratar de melloralas nos próximos anos”.

O portavoz popular manifesta: “O que foi facer Tomé a Almería só se pode cualificar de turismo de moqueta, co agravante da falta de realismo e de falta de humildade. Recomendámoslle máis viaxes polo rural lucense, porque ademais de ser máis baratos son moitos máis construtivos; así poderá ver os problemas reais da provincia, que é o que está a facer o Partido Popular, política de proximidade que el trata de desacreditar dedicándolle o alcume de política de fochancas”.

Castiñeira declara: “Preocúpanos de verdade que o señor Tomé se estea acostumando a facer o ridículo por toda España, sen que ninguén no seu equipo de goberno sexa capaz de dicirlle que menos leccións fora da provincia e máis escoitar aos seus veciños”. Lembra que “no PP levamos semanas esperando a que nos chame para falar do futuro de todos os lucenses e do futuro da provincia; o único que conseguimos ata agora é a calada por resposta”.

Exit mobile version