Castiñeira destaca que “percorrer as estradas da provincia dá ao Partido Popular un coñecemento real das mesmas e do potencial económico e social que nos outorga ter unha rede viaria de máis de 4.000 quilómetros”. Lembra que no seu grupo levan tempo “denunciando o mal estado dos firmes, e síguenos preocupando, e tamén, nestas épocas, a mala xestión das rozas, que chegan tarde, o que trae moitísimos problemas”.
Castiñeira declara: “Queremos facer fincapé noutro problema que nos parece prioritario solucionar. O mal estado da sinalización viaria, especialmente dos sinais verticais, incluídos os informativos de poboacións, de núcleos rurais, que en moitos casos están dobrados, caídos, enferruxados, cubertos pola maleza e na maior parte dos casos, sucios”. Explica que estes sinais deteriorados “conviven con grandes paneis de obras, institucionais, de propaganda de obras que, contrariamente ao que sería recomendable, están en mellores condicións que os propios sinais de tráfico regulamentarios; así, ademais de aumentar a inseguridade viaria, aumenta a mala imaxe, unha imaxe de abandono absoluto, tanto das propias estradas como do conxunto da provincia”. Lamenta que o goberno provincial “prime a propaganda institucional fronte ao bo estado da sinalización de tráfico”.