Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “A Deputación ten que posicionarse claramente contra a suba inasumible do custo da enerxía eléctrica, porque está provocando o demantelamento da industria lucense”

Lugo, 22 de setembro de 2021. O disparatado custo do prezo da enerxía eléctrica, que non para de bater récords históricos, crea graves problemas no tecido económico e social na provincia de Lugo. Tanto pola negativa repercusión nas empresas como na economía dos particulares, as institucións máis próximas ao cidadán non poden permanecer á marxe deste grave problema. O portavoz popular, Javier Castiñeira, anuncia a presentación dunha moción na Deputación, para que o organismo provincial inste ao Goberno de España a adoptar medidas que de verdade supoñan unha redución do custo da enerxía eléctrica e paren así os graves danos que está a sufrir a industria na provincia lucense e a conseguinte perda de postos de traballo. Adianta que o PP “pedirá un estudo realista, elaborado polos técnicos da Deputación, para saber cal é o incremento real que tivo a Deputación de Lugo dende que se implantou o novo sistema tarifario nestes dous anos de goberno”.

O portavoz popular sinala: “Presentaremos unha moción porque o custo da enerxía é claramente dos asuntos máis importantes e graves que agora mesmo afectan á provincia de Lugo, e a mellor proba dilo é A Mariña e o desmantelamento industrial que sofre pola mala política enerxética do Goberno dos socialistas, apoiados polo BNG”.

Castiñeira considera que “chega a tal punto esa falta de estratexia que, por un lado, vemos como se están perdendo postos de traballo en empresas dedicadas as enerxías renovables e, por outro lado, vemos a PSOE e BNG loitando en contra de que se instalen parques eólicos, algo totalmente incoherente”. Engade: “Por outra parte, desaparecen centrais térmicas. Todo o que pedimos no último pleno na Deputación non se está a facer; ao contrario, as cousas empeoraron. Non se pode chamar transición enerxética ao que estamos a vivir”.

O mesmo portavoz popular di con ironía que igual que unha ministra do Goberno de España dixo que o desastre provocado polo volcán en La Palma pode abrir novas oportunidades, “se nos quere convencer de que o desastre industrial que provoca a disparatada transición enerxética que deseñaron é unha oportunidade para A Mariña e para a provincia de Lugo: pois, mire, non, non é oportunidade, é miseria”

Os populares queren un estudo rigoroso, elaborado polos técnicos da Deputación, para saber cal é o incremento real que tivo a factura eléctrica da institución provincial dende que se implantou o novo sistema tarifario nestes dous anos de goberno.

Entre as propostas de acordo figura instar ao Goberno presidido por Pedro Sánchez a eliminar o tipo de gravame do Imposto sobre o Valor da Produción de Enerxía Eléctrica do 7%, modificando a Lei 15/2012, de 27 de decembro de medidas fiscais para a sustentabilidade enerxética. Tamén, modificar a Lei 24/2013, do sector eléctrico para que, entre outros aspectos, determinados custos regulatorios que se trasladan á factura eléctrica (débeda do sistema eléctrico e custos extrapeninsulares) sexan financiados integramente con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado. Na mesma proposta figura a necesidade de cambiar a Lei 37/1992, do Imposto sobre o Valor Engadido, para facer permanente a rebaixa do IVE da electricidade do 21 ao 10%.

Os populares queren que o Goberno impulse o descenso da factura eléctrica a través da revisión dos tramos horarios, na medida en que o período val de luns a venres, no que a tarifa é máis barata, vai desde as 12 horas da noite ata as 8 da mañá, o que fai moi difícil o aforro das familias. Igualmente, demanda ampliar o dereito de poder acollerse ao Prezo Voluntario do Pequenos Consumidor (PVPC) ata potencias que iguais ou inferiores a 15 KW para o consumidor doméstico, co fin de facilitar o acceso ao Bono Social Eléctrico. Por último, para combater a pobreza enerxética, o PP quere que se establezan axudas para os consumidores máis vulnerables, con axudas específicas para o pagamento de facturas e asumindo o 100% dos custos para evitar o corte da subministración eléctrica.

Exit mobile version