“Este abrazo explica por que Feixóo permite o espolio dos recursos do País; por que permite atentados ambientais como o baleirado dos encoros para que ás eléctricas se sigan forrando; explica un boom eólico depredador e tamén explica por que vota en contra dunha tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas, como existe noutras zonas produtoras”, argumentaba a portavoz nacional, Ana Pontón, desde A Coruña onde se lanzou a campaña.
Cunha tarifa desbocada, -hoxe o MWh é un 606% máis alto que fai un ano-, a líder nacionalista pregunta se é democrático que “un puñado multinacionais” fixen o prezo dun ben público básico, poñendo en risco a recuperación económica e miles de empregos.
“As eléctricas mandan máis cos gobernos, teñen unha normativa feita a súa medida e teñen en nómina a ex-presidentes e a ex-ministros e ministras do PP e do PSOE a través das portas xiratorias”, denuncia Pontón. Para a líder do Bloque, a estafa da luz é especialmente grave en Galiza porque, sendo produtora de electricidade, soporta os custes ambientais e sociais pero sen recibir ningún beneficio.
Por iso, destaca, o BNG non deixará de dar a batalla para que a riqueza eléctrica repercuta en beneficio das familias, da clase traballadora e das empresas para crear emprego, de aí esta campaña de denuncia e mobilización que da continuidade á recollida de sinaturas por todo, co mesmo obxectivo de denuncia da estafa e a favor de medidas que abaraten a factura.
Medidas como a tarifa eléctrica galega, como a creación dunha empresa pública de enerxía que asuma as concesións hidroeléctricas a medida que vaian caducando, ou que a instalación de novos parques eólicos se vincule a proxectos industriais que xeren emprego. Ao contrario do que pasa, que en pleno boom eólico se pechen empresas vinculadas precisamente ao sector e á instalación de parques como foi o caso de Siemens-Gamesa ou agora a ameaza sobre VESTAS.
“Basta xa de abrazos coas eléctricas, basta xa de vender Galiza, basta xa de poñer a nosa riqueza ao servizo das multinacionais, cando debe servir para o desenvolvemento do País”, concluíu.
A “anomalía” de xubilarse antes dos 75
A líder do Bloque tamén fixo referencia á proposta anunciada polo Goberno central de aumentar até os 75 anos a idade de xubilación, alegando que é necesario cambiar unha situación de suposta “anomalía” dentro da UE.
“Pediría que antes de lazar propostas neoliberais, máis propias do Banco de España e da CEO que dun auto-proclamado goberno de progreso, se den un paseo por Galiza con máis de 200.000 mozos e mozas na emigración porque o Goberno de Feixóo non lles ofrece unha oportunidade de traballo digno no seu País, cunha taxa de actividade entre a xente moza e cunhas pensións por debaixo da media do Estado”, alegou.
Subliñou, ademais, que esa sangría migratoria de xente moza agudiza o problema demográfico estrutural, “é o futuro de Galiza non pode construírse sen a súa xente moza”, recalcou. “O que precisamos é xerar emprego e evitar que a xente moza emigre, o que precisamos é que as novas xeracións traballen o que suporá un reforzo no sistema público de pensións. Xa está ben de que os sucesivos gobernos do Estado se poñan a copiar as receitas do Banco de España e da COE”, salientou.