A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, anunciou: “este curso decidimos conmemorar o Día Internacional da Non Violencia facendo diferentes actividades nos centros educativos. Ademais de entregar os trípticos informativos do Protocolo para o Bo Trato á Infancia a todas as familias, nas escolas infantís van traballar a través de cancións a importancia da expresión afectiva e emocional. Para os/as nenos/as de Educación Infantil repartiremos o conto O monstro azul, para que traballen nas aulas aspectos relacionados coa convivencia e as relacións persoais. Para o alumnado de 3º e 4º de Primaria dos colexios de Burela haberá un contacontos no auditorio este venres, día 1 de outubro, sobre a mesma temática. E para os/as rapaces/as de 1º de ESO dos institutos faremos unha charla dinámica sobre comunicación asertiva dentro das familias tamén este venres.
Consistirá basicamente en analizar os diferentes estilos comunicativos a través de dinámicas, vídeos, etcétera, coa finalidade de que os/as rapazas comprendan a importancia de manter unha comunicación positiva dentro dos fogares e as repercusións que esta pode ter. Ademais propoñerémoslles ao final da sesión aos rapaces que realicen vídeos curtos nos que empreguen expresións de comunicación positiva e asertiva nos diferentes idiomas que se falan en Burela, co fin de posteriormente editalo e poder difundilo nas diferentes redes sociais”.
Carmela López engadiu que “tamén se farán accións deste tipo ao longo do curso traballando outros aspectos como poden ser a prevención da violencia dentro das familias, a prevención de diferentes tipos de adiccións, a importancia da educación emocional e a prevención de trastornos que lles poden afectar aos/ás nenos/as ou adolescentes, educación en igualdade, promoción de hábitos de vida saudable, etcétera”.
As charlas nos institutos serán impartidas por Concepción Pernas (técnica de Integración de Inmigrantes), Cristina Cayón (psicóloga do Centro de Información ás Mulleres do Concello de Burela), Arminda Lusquiños (traballadora social do Centro de Saúde burelés) e a educadora familiar municipal Noelia Legaspi. Todas elas forman parte do equipo multidisciplinar que asinou o Protocolo para o Bo Trato á Infancia.
Carmela López, acompañada por Noelia Legaspi, repartiu libros nos Ceips Vista Alegre e Virxe do Carme para a conmemoración do Día Internacional da Non Violencia.