Lugo, 5 de setembro de 2021. A deputada autonómica e coordinadora do comunicado-relatorio do 18º Congreso provincial do PP, Cristina Sanz, destaca “a boa acollida” das reunións que mantivo esta semana con representantes de distintos sectores estratéxicos da provincia e de organizacións do ámbito empresarial e dos sectores agrogandeiro, forestal, pesqueiro, turístico e sanitario.
A encargada do relatorio mantivo xuntanzas con asociacións de empresarios -CEL e a asociación de empresarios Sete Pontes de Vilalba-, representantes do sector pesqueiro -portos, cofradías e sociedade de armadores de Celeiro e Burela-, representantes dos distintos xeodestinos da provincia e profesionais vencellados ao ámbito turístico; e tamén con asociacións da transformación da madeira -Lugomadera- e entidades relacionadas coa comercialización da carne -Escola de Carniceiros de Galicia-. A presidenta da Comisión Organizadora do Congreso, Patricia Teijeiro, tamén participou nalgún destes encontros de traballo.
“Foron días de intenso traballo e de contacto directo con sectores estratéxicos da nosa provincia e con axentes de diferentes ámbitos de interese que nos serviron para recoller ideas e incorporalas ao comunicado ‘Un proxecto de partido, un proxecto para Lugo’ que é un documento de ideas, propostas e actuacións coas que o proxecto do Partido Popular abordará os retos do futuro da nosa provincia”, segundo manifestou Sanz.
A popular engadiu palabras de agradecemento “a todas aquelas persoas que fixeron achegas durante este proceso previo ao Congreso provincial co que rearmarse de ideas e proxectos que parten do diálogo coa sociedade e coa militancia de forma que permitan acompasar a formación popular coa constante evolución da nosa provincia”.
O PP provincial tamén recolleu ideas e propostas dos afiliados e daquelas persoas que fixeron chegar as súas suxestións a través do buzón ‘Únete ao noso proxecto’ habilitado na web do Partido.
Sanz destaca a importancia do “debate de ideas para a construción dun proxecto forte e enriquecido, o dun partido que é o que máis se parece a Lugo e aos lucenses”. Finalmente, o futuro comunicado que exporá o propio día do 18º Congreso provincial estruturarase en varios apartados: economía e emprego, medio rural e sector primario, servizos públicos, infraestruturas, igualdade, política social, sanitaria e medio ambiental e rematará con propostas e reflexións no ámbito da mocidade, educación, cultura e turismo.