Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro “pon deberes” ao Goberno Sánchez en materia de infraestruturas pendentes na Mariña e na provincia

Lugo, 8 de setembro de 2021. O deputado do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se inclúe unha relación coas principais “débedas pendentes” do Goberno de Pedro Sánchez coa provincia de Lugo en materia de infraestruturas viarias.

Balseiro buscará este xoves, na sesión da Comisión de Obras Públicas que terá lugar na Cámara galega, un acordo de todas as forzas políticas para “poñer deberes” a administración central, de xeito especial, naquelas infraestruturas estatais que, por decisión do goberno de coalición entre socialistas e Podemos, “sufriron importantes recortes orzamentarios ou unha ralentización dos proxectos técnicos comprometidos”.

En particular a iniciativa pide que o Goberno de España execute, no menor prazo posible, as obras previstas na Autovía Lugo-Santiago (A-54), na Autovía Lugo-Ourense (A-56), na Autovía Monforte-Chantada (A-72), na Autovía da Mariña lucense (A-74), así como a execución da solución técnica prevista para reducir os peches ao tráfico da Autovía do Cantábrico (A-8) e a reparación do firme da Autovía do Noroeste (A-6), “de xeito especial, nas inmediacións da cidade de Lugo, onde presenta máis deterioro” En materia de conservación tamén reclama o reforzo das tarefas de mantemento nas estradas nacionais de titularidade estatal. Finalmente, e tamén no ámbito das competencias do Ministerio de Transportes, Balseiro pide a recuperación das frecuencias ferroviarias suprimidas “coa escusa da pandemia”, e insiste na necesidade de impulsar as obras que permitan a chegada do AVE á provincia de Lugo.

A petición popular vehicúlase a través dunha emenda de adición a unha iniciativa socialista que será obxecto de debate nesa mesma Comisión e na que se reclama á Xunta impulsar a conversión en autovía do corredor Nadela-Monforte de Lemos, un proxecto xa previsto polo Goberno galego que, de feito, executa neste momento a obra de desdobre no seu primeiro treito, entre A Pobra de San Xiao e Sarria.

Mellora da estrada N-540

Tamén na sesión deste xoves da Comisión de Obras Públicas do Parlamento tamén está previsto o debate e votación doutra proposición non de lei, neste caso a iniciativa do Grupo Popular e que defenderá a deputada Raquel Árias, na que reclama o arranxo integral da estrada nacional N-540, que comunica a provincia de Lugo con Ourense.

Exit mobile version