Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego demanda o remate da VAC Ferrol-San Cibrao e a construción da autovía da Mariña

Santiago, 23 de setembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, acordada entre o Grupo Popular e o PSdeG, a través da que se insta á Xunta a rematar a vía de alta capacidade Costa Norte Ferrol-San Cibrao e se solicita ao Goberno central que execute, no menor prazo de tempo posible, a autovía da Mariña.

O deputado popular José Manuel Balseiro saudou que o PSdeG “decidise por fin poñer deberes ao Goberno central, e non centrarse exclusivamente en demandas á Xunta, aceptando a nosa emenda para que se leve a cabo a prometida autovía da Mariña, que lamentablemente non pasa de ser unha liña nun papel, xa que nada está feito”.

DOUS TREITOS NOVOS DA VAC

Deste xeito, considerou “moi positivo o acordo unánime acadado hoxe no Parlamento galego para pedir un impulso decidido tanto á estrada de titularidade da Xunta como á dependente do Goberno central”. “Sería moi difícil de explicar que o PSdeG mantivera as súas esixencias á hora de poñer deberes á Xunta, pero non tivera o mesmo nivel de esixencia á hora de reclamar débedas pendentes ao Goberno de España”.

Balseiro lembrou que a Xunta “xa construíu dous tramos da vía de alta capacidade da Costa Norte: a variante de Ortigueira e o treito Celeiro-San Cibrao, que supuxeron un investimento de máis de 100 millóns de euros”. Así mesmo, lembrou que actualmente o Goberno galego está a traballar no tramo San Sadurniño-Sanguiñeira e na variante de Viveiro, sobre a que lamentou que “a Xunta xa propuxo nove alternativas ao Concello e todas foron rexeitadas pola alcaldesa”.

SEN FONDOS EUROPEOS

Para rematar, o deputado popular manifestou que “para facer realidade estas estradas, e tamén outros proxectos na Mariña, Ferrolterra e Ortegal, non axuda que, por unha decisión do PSOE, se exclúan estas obras do financiamento dos fondos europeos, logo de que o Goberno de España excluíra no plan de recuperación e dos fondos europeos extraordinarios aos concellos máis pequenos”.

“O noso rural e a mellora das comunicacións non poden ser esquecidos polo Goberno central, quitándolles aqueles fondos que son unha oportunidade única para poñer os alicerces do futuro”, manifestou José Manuel Balseiro.

Exit mobile version