Burela, 20 de setembro de 2021. Ata o mércores, día 22, segue en Burela a programación da Semana Europea da Mobilidade.
Hoxe e mañá, martes, de 17:30 a 19:30 horas terá lugar un circuíto de educación vial na Praza do Concello. E mañá de 9 a 14 horas estarán instalados o stand do punto limpo e o punto móbil ao lado da terraza do Nordés.
Xa o mércores haberá charlas de educación vial para o alumnado de 1º da ESO dos IES Perdouro e Monte Castelo. Na Casa da Cultura estará a exposición Kinético, que pola mañá visitarán os CEIPS e pola tarde abrirá para o público xeral. Tamén o mércores pola tarde seguirá o circuíto de educación vial na Praza do Concello. E nese escenario terá lugar o sorteo de 3 vales de compra de 20 euros cada un, xentileza de Acia Burela, que serán para as bicis mellor tuneadas. E na Praza da Mariña desenvolverase un ensaio de Arume.
A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, fai un balance positivo da Semana Europea da Mobilidade: “o que pretendemos cada ano é ir creando conciencia da necesidade de moverse de xeito sostible, a pé ou en bicicleta, por exemplo. É unha cuestión moi importante para a nosa saúde e para o coidado do noso entorno natural”.
Onte tivo lugar o día sen coches en Burela. Varias rúas, pechadas ao tráfico, acolleron xogos deportivos, xadrez, un taller de cociña e tamén mesas informativas de diferentes asociacións da vila.