Site icon Crónica3.com A Mariña

Asociacións de Monforte e Guitiriz visitan A Mariña co programa Coñece a túa provincia

Lugo, 24 de setembro de 2021. O programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo ofreceu este venres unha viaxe pola Mariña a dúas asociacións de Monforte e Guitiriz. O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, deu a benvida á fundación monfortina Galicia Obra Social no Pazo de San Marcos. Logo dunha parada no Salón de Plenos para coñecer a historia da sede da Deputación, o grupo viaxou ao Vicedo para percorrer o Fuciño do Porco e a praia de Abrela. Logo visitou a área etnográfica da Insua e a praia de Covas. A viaxe rematou en Ourol, onde os monfortinos coñeceron a fervenza da Xestosa. Por outra banda, a ANPA do colexio chairego de Lagostelle comezou a visita na produtora dos Servizos Audiovisuais, onde os recibiu a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. O grupo trasladouse despois ata Burela para coñecer o porto pesqueiro e á asociación de redeiras do concello mariñano, e logo achegouse ata o litoral focense para desfrutar das vistas das praias de Peizás e Llás, e percorrer a vila de Foz, dende a praza de Conde Fontao ata a Rapadoira, para rematar a excursión coñecendo a basílica de San Martiño.

Exit mobile version