Site icon Crónica3.com A Mariña

As Panchas moven 60.000€ nas dúas primeiras semanas

Ribadeo, 18 de setembro de 2021. O volume de negocio xerado pola moeda local de Ribadeo, a Pancha, nas dúas primeiras semanas de setembro ascende a 60.000 euros, segundo os datos facilitados no día de hoxe polo concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso.
O edil comentou que “onte, venres, ordenouse o primeiro pago aos establecementos participantes, tras axustar todo o sistema informático que implicou o proceso de dixitalización da campaña das Panchas 2021. É dicir, onte recibiron en euros as panchas coas que os seus clientes abonaron as súas compras ou consumicións, xa sexa no comercio, na hostalería ou nos servizos”.

Vizoso Galdo subliñou que “agora estes pagamentos terán unha periodicidade semanal, tal e como anunciamos no seu día”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local fixo un balance positivo do discorrer da terceira edición da campaña das Panchas: “estamos satisfeitos pola participación, xa que contamos con 114 establecementos adheridos nesta edición. E polo que vemos o volume de negocio está xa en 60.000 euros”.

Pablo Vizoso lembrou que “o Concello puxo a rodar 600.000 panchas o pasado 1 de setembro para facer medrar a economía local, apoiando o comercio de proximidade, a hostalaría e o sector servizos de Ribadeo. Este ano quixemos dar un paso máis dixitalizando todo o proceso de adquisición e de compra e simplificando todas as operacións. Deste xeito tanto para comprar as Panchas como para facer os cobros unicamente se precisa un teléfono móbil tipo Smartphone. Así as Panchas poderán adquirirse dende o móbil en fraccións de 30 euros, polos que se obterá un contravalor de 40 Panchas, e ata un máximo de 7 packs por cada persoa participante, o que supón que por cada 210 euros obtéñense 280 Panchas. E o Concello axuda con 10 euros por cada 30”.

E engadiu que “para adquirir as Panchas simplemente hai que entrar na web www.pancharibadeo.com e seguir os pasos que se van indicando para descargar o PanchaPeto, o moedeiro dixital que se poderá ir enchendo ata un máximo de 280 Panchas. Este moedeiro consta dun código QR que se irá actualizando cada vez que se faga un pago en Panchas”.

Vizoso subliñou que “aquelas persoas que non se sintan cómodas empregando o teléfono móbil para comprar e descargar a aplicación das Panchas teñen tamén á súa disposición os servizos de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo, na planta superior, onde lles axudarán e guiarán persoalmente para facer este sinxelo proceso para conseguir en papel o seu código QR e poder mercar nos establecementos adheridos”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local animou “á veciñanza de Ribadeo, doutros puntos da contorna ou de calquera lugar a facerse coas súas Panchas e que veñen disfrutar das fins de semana ou das pontes festivas ao longo das vindeiros meses. Aínda queda tempo e aínda quedan Panchas”.

A campaña estará activa ata o vindeiro 31 de decembro: “data límite para poder facer pagos coa moeda local de Ribadeo, que despois quedará sen efecto”.

Exit mobile version