Ribadeo, 7 de setembro de 2021. O Concello de Ribadeo abriu expedientes sancionadores a persoas e empresas por deixar restos de podas na vía pública, por mexar na rúa e por abandono de enseres.
O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije, lembrou que “a nova ordenanza de limpeza e xestión de residuos entrou en vigor hai unhas semanas e estamos empezando a aplicala coa intención de evitar comportamentos incívicos da veciñanza e das empresas”.
O edil ribadense contou que “acabamos de abrir expediente sancionador a varias persoas, nun caso por deixar restos de podas na rúa, cando saben perfectamente que iso non se pode facer; noutro por deixar abandonados enseres na vía pública, cando toda a veciñanza é coñecedora do servizo de recollida do que dispoñemos. O único que teñen que facer é solicitalo. Estamos ante condutas que se repiten máis veces das desexables, porque un pódese despistar un día, pero ser reincidente non”.
Díaz Freije seguiu a relatar que “outro dos expedientes abertos foi a unha persoa por mexar na rúa. A estas alturas do século XXI que se produzan estes feitos é lamentable. E outro caso que nos chamou a atención e estamos en proceso de apertura do correspondente expediente sancionar é o dunha poda realizada por unha empresa nun concello veciño da que os restos foron abandonados en Ribadeo”.
O concelleiro de Medio Ambiente advirte que “as multas das que estamos a falar por cometer este tipo de infraccións incívicas empezan nos 750 euros. Non queremos que despois a xente se leve as mans á cabeza. Para ter un Ribadeo o máis limpo posible temos que concienciarnos todos e todas diso”.
E engadiu: “e non nos fartaremos de insistir e de recordalo cantas veces sexa necesario. Como o facemos no caso do lixo, pedíndolle á veciñanza (sexan particulares ou empresas) que non o depositen nos contedores ata a noite para evitar malos cheiros na época estival na rúa. E aínda así un día e outro tamén vemos como o lixo se saca a calquera hora do día. Seguimos insistindo en que as empresas dispoñen dun servizo de recollida de cartón porta a porta dous días á semana e que os contedores do cartón son para que as veciñas e os veciños de Ribadeo poidan deixar comodamente os seus cartóns. E día tras días vemos caixas a carón dos contedores, moitas veces baleiros, que foron abandonadas sen xeito, porque iso é moito máis cómodo. Temos un punto limpo e temos outros puntos instalados en diferentes localizacións da nosa vila para depositar pilas, radiografías, luminarias, etc, etc… todas e todos temos que concienciarnos da importante que ten todo isto para ver un Ribadeo o máis limpo posible e para que a nosa natureza de resinta o menos posible”.