Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de inscrición no Volante Deputación, que convoca a súa décima edición co apoio da Vicepresidencia

Lugo, 27 de setembro de 2021. Os vindeiros 9 e 10 de outubro desenvolverase na Pastoriza a décima edición do Volante Deputación, que conta un ano máis co apoio da Vicepresidencia. O deputado de Deportes, Efrén Castro, a tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carrera, presentaron a proba esta mañá no Pazo de San Marcos, acompañados por Antonio Solórzano, de PTC Escuela, que se encargará da organización da proba, que ofrece a pilotos noveis a oportunidade de entrar en contacto coa competición automobilística.

O evento terá dúas partes claramente diferenciadas. Unha formativa, na que as persoas participantes recibirán un curso de condución para nivelar e equilibrar os coñecementos , e outra competitiva, na que se medirán divididos en grupos nunha proba cronometrada. A vencedora ou vencedor do Volante Deputación terá como premio a participación no Rally San Froilán, de forma gratuíta cun coche de competición, e un curso con formación específica para a carreira.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, sinalou o apoio da Vicepresidencia da Deputación á proba, “un dos eventos máis recoñecidos e agardado por pilotos e afeccionadas e afeccionados ao automobilismo que encontran nel unha opotunidade para introducirse no ámbito competitivo”.

Antonio Solórzano indicou que, ao igual que na edición pasada, “o formato do evento adaptarase á situación sanitaria e as probas de cronomotraxe desenvolveranse en 10 quendas, asegurando a participación en grupos moi reducidos” e augurou “un novo éxito da convocatoria xa que, despois de 9 anos sempre se esgotaron as prazas e nesta edición xa vai a bon ritmo cunha porcentaxe de inscritos do 25% desde o venres”.

A tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carrera, destacou o interese que ten para o Concello acoller o evento polo dinamismo económico e social que xenera, aprovetando unha instalación municipal cunhas condicións adecuadas para este tipo de probas e único na provincia”.

Inscricións e requisitos para a participación

O Volante Deputación contará nesta edición con 160 prazas dispoñibles. As inscricións para solicitar a participación estarán abertas ata o 6 de outubro, a través do enderezo electrónico piloto@ptcescuela.com. A admisión farase por estrita orde de recepción do correo, que debe incluír o formulario de solicitude dispoñible na web ptcescuela.es cuberto e asinado, ademais de copia do DNI e certificado de empadronamento.

Algúns dos requisitos a cumprir para poder participar son a obrigatoriedade de estar empadroados nalgún dos concellos da provincia de Lugo, ter entre 18 e 32 anos, non ter quedado como piloto entre os 5 primeiros postos de calquera trofeo, copa ou campionato de ámbito nacional ou rexional, ou non ter gañado ningunha edición anterior deste premio.

Exit mobile version