Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021. A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, manifestou hoxe que a Xunta segue traballando coas partes implicadas para avanzar na normativa que regula e permite a pesca recreativa en 107 dos 122 portos autonómicos. Neste sentido, lembrou que se trata dunha actividade de ocio que estaba prohibida desde 1972 de acordo coa lexislación estatal e que o obxectivo da norma autonómica é regular esta actividade nos peiraos buscando maiores garantías e cobertura á súa práctica. Nesta liña, engadiu que tamén pretende compatibilizala coas actividades puramente portuarias.
Así o expuxo na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo onde respondeu a unha pregunta relacionada con este tema. Alí tamén explicou que esta norma xorde dun acordo parlamentario e dos múltiples contactos coas entidades representantes das persoas que practican esta actividade de ocio. Esta tarefa inclúe máis dunha decena de reunións con negociadores e outras persoas que o demandaron.
Ademais a presidenta de Portos subliñou que a publicación da regulación se adiantou ao verán atendendo á solicitude dos negociadores e que se trata dunha norma que, de darse o caso, pode ser modificada tras analizar os riscos e medidas preventivas de cara á unha maior compatibilización de usos.
De feito, na actualidade Portos de Galicia continúa traballando e está analizando os recursos presentados á norma co fin de atender aquelas alegacións que busquen favorecer a pesca recreativa nas zonas portuarias, minorando riscos e sen prexudicar aos colectivos profesionais.
Necesidade da norma
En relación á normativa, a presidenta de Portos de Galicia, defendeu a súa necesidade para compaxinar a pesca recreativa co resto de labores que se desenvolven nos peiraos. Nesta liña, expuxo que deben establecerse unhas normas e unhas limitacións para que todas as actividades portuarias poidan ser compatibles, sen prexudicar unhas ás outras. De feito, sinalou, téñense detectado, aínda que de xeito minoritario, comportamentos reprobables por parte dalgúns afeccionados e prácticas de risco para o conxunto dos usuarios. Tamén existen denuncias do sector portuario relacionadas co mal uso das instalacións portuarias.
Co obxectivo de regular a actividade, expuxo Susana Lenguas, o ente público estableceu uns criterios baseados na compatibilidade da pesca de lecer coa profesional e con outros usos portuarios, liberando para a primeira aqueles espazos nos que esa actividade é compatible coa propiamente portuaria. Tamén estableceu medidas de distanciamento co fin de limitar posibles danos persoais derivados dos riscos inherentes ás elevadas concentracións de persoas. Nesta mesma liña, o requisito de contar con seguros que cubran danos propios e a terceiros busca dar as máximas garantías a todos os usuarios dos peiraos.
Investimentos
En relación a outra pregunta sobre a execución do orzamento destinado a conservación e mantemento de instalacións portuarias, a presidenta do ente público aclarou que o ano pasado se executou case o 100% dos máis de 7 millóns de euros presupostados. Ademais explicou que do orzamento destinado a inversión se certificou a xullo de 2021 arredor dun 60% dos máis de 8,3 millóns do presuposto.