Santander, 28 de setembro 2021. A Xunta de Galicia presentou hoxe un recurso ante a Audiencia Nacional para solicitar ao Goberno central que paralice a inclusión do lobo ibérico na Listaxe de especies silvestres de protección especial (Lesrpe), en vigor desde hai xusto unha semana.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá en Santander nunha reunión de coordinación co conselleiro de Fomento e Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones; o conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandería, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente de Cantabria, Guillermo Blanco; o conselleiro de Desenvolvemento Rural de Asturias, Alejandro Calvo; e os directores xerais do ramo en cada comunidade —no caso de Galicia, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo—. Ademais, estivo durante unha parte da reunión o presidente da Comunidade anfitrioa, Miguel Ángel Revilla.
Tamén estiveron representadas as organizacións agrarias nacionais, polas que interviñeron o presidente nacional de ASAJA, Pedro Barato; o secretario xeral de UPA, Román Santalla; e a responsable de gandería de COAG, Charo Arredondo.
Despois da xuntanza tivo lugar unha rolda de prensa, na que a conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia pediu “xustiza e coherencia” ao Goberno central despois de crear unha situación incómoda a catro comunidades que ocupan case o 28% do territorio nacional, nas que habitan preto de 7 millóns de españois e, sobre todo, nas que se xestiona o 95% da especie presente no Estado.
Deste xeito, Ángeles Vázquez anunciou que a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, xunto coas das outras comunidades lobeiras, xa iniciaron a tramitación necesaria para tentar frear xudicialmente a Orde ministerial. De feito, precisou que Galicia presentou esta mañá un recurso contencioso-administrativo contra a mesma e solicitou a súa suspensión cautelar ata que exista unha sentencia firme por parte dos tribunais.
Así mesmo, os conselleiros anunciaron que solicitarán unha entrevista co comisario europeo para o Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, que a semana pasada visitou Galicia, tendo en conta que tamén se vulnerou a normativa comunitaria.
A Xunta, segundo subliñou a conselleira, quere demostrar co recurso que a Orde “está repleta de incoherencias”. En primeiro lugar, sinalou a “falta de motivación científica” tendo en conta que é un feito inédito que se inclúa un mamífero na Listaxe “en base a opinións subxectivas” e cando o Consello de Estado tamén transmitiu que era “certamente discutible”. “O valor cultural da especie, como tal, xa estaba recoñecido, e, ademais, goza dun estado de conservación favorable na nosa Comunidade”, explicou.
En segundo lugar, considera que a tese do Ministerio para a Transición Ecolóxica de que prohibir o control do lobo ao norte do Douro vai implicar automaticamente que a especie se desprace ao sur “é, sen dúbida, unha teoría dubidosa e sen fundamento científico no que apoiarse”.
Responsabilidade das axudas
A continuación, fixo fincapé en que se trata dunha Orde ministerial sen previsión económica —unicamente 25.000 euros—, cando, como sinala o Consello de Estado no seu ditame, “vai a ter un grande impacto económico e orzamentario”.
De feito, despois de “varios días de contradicións” nas opinións dos membros do Goberno central nesta cuestión, a Xunta recibiu onte o borrador da Estratexia estatal do lobo, na que ”se ve que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Ministerio de Agricultura se borraron de responsabilizarse das axudas cando si o tiñan contemplado”, tal e como se aprecia baixo un parágrafo riscado.
Por último, Ángeles Vázquez tamén sinalou a necesidade dun período transitorio, cuestión que non foi atendida, e que os criterios que teñen os gandeiros a partir de agora para solicitar medidas son complexos e inasumibles para eles.
“Son sobrados os motivos polos que as comunidades autónomas imos recorrer. Queda un camiño largo, pero no que confiamos na xustiza. Agardamos conseguir as medidas cautelares e, así, poder seguir facendo esa xestión que é a que nos pide o territorio, polo ben do lobo, polo ben do resto das especies, pero tamén polo ben dos gandeiros”, concluíu a conselleira.
Unidos na defensa do territorio e da forma de vida
Pola súa banda, o conselleiro de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, salientou que catro goberno de todo o arco político seguen unidos na defensa do seu territorio e da súa forma de vida. Ademais, abundou en que “se trata da primeira vez na democracia que se remata co consenso no relativo á fauna silvestre”.
Mentres, o conselleiro de Cantabria, Guillermo Blanco, apuntou que hoxe “se revalidou a coordinación” entre as comunidades e coas organizacións agrarias, e que “a oposición non fixo máis que empezar”. “As declaracións da ministra aludindo a unha falla de diálogo coas comunidades autónomas resultan indignantes”, dixo.
Por último, o conselleiro de Asturias, Alejandro Calvo, sinalou que as comunidades “teñen razón, documentación e fundamentos científicos e, sobre todo, unha visión global da súa responsabilidade no territorio”. “Se a xente do rural sente que non se lle ten en conta nas políticas que lles afectan, temos un grave problema, e nós non estariamos facendo ben o noso traballo”, engadiu.
En canto ás organizacións nacionais agrarias, as cales anunciaron que tamén presentarán un recurso, coincidiron en que se senten “moi decepcionadas” e “enganadas” cun Goberno central “que dá as costas ao mundo agrario e ao mundo rural”. “Non se pode falar da España baleirada se son eles os que nos están a baleirar”, subliñaron.