Site icon Crónica3.com A Mariña

A xunta impulsará a primeira pista de atletismo homologada da Mariña en Cervo

Cervo, 9 de setembro de 2021. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe as instalacións deportivas da Veiga, sitas no Concello de Cervo, na compaña do seu alcalde Alfonso Villares. Ambos dirixentes exploraron as posibilidades de aproveitamento das pistas existentes, así como de todo o complexo deportivo da Veiga e acordaron impulsar conxuntamente a primeira pista de atletismo homologada da comarca da Mariña. Deste xeito, a nova instalación xuntará a tecnoloxía máis moderna xunto a aposta por unha infraestrutura de calidade como a xa existente mediante a súa optimización.

Cómpre salientar que as instalacións deportivas da Veiga, ademais das nomeadas pistas, contan cun pavillón polideportivo. Ademais, o secretario xeral destacou a idoneidade da localización xa que non dista máis de 20 minutos da metade da poboación de toda a Mariña, que suma, no seu total 70.000 habitantes. As novas pistas homologadas da Veiga, dixo o secretario xeral, darán servizo a “todos os atletas e deportistas de Cervo, da Mariña, de Lugo e de todos os galegos e galegas que queiran facer deporte nunha instalación de primeiro nivel”. Coa nova pista, Cervo e a Mariña occidental situaranse como referentes do deporte na provincia de Lugo.

Nesta nova infraestrutura teñen moito que ver os recentes éxitos do atleta viveirense Adrián Ben, que vén de acadar un diploma olímpico nos 800 metros dos Xogos de Toquio, onde rematou en quinta posición. Unha estratexia similar á levada a cabo en Riberia, onde xa está publicada a licitación das obras de ampliación do Complexo Deportivo da Fieteira e na que tamén foron decisivos os éxitos de Ana Peleteiro, medalla de bronce en triplo salto en Toquio.

A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.

Exit mobile version