Cervo, 4 de agosto de 2021. As accións de verán da campaña da Xunta ‘Bye Bye Plástico’ fixeron unha última parada na praia do Torno de San Cibrao (Cervo) para concienciar á poboación sobre o uso responsable dos plásticos e a loita contra o lixo mariño.
O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, visitou a carpa instalada co fin de contribuír a inculcar na sociedade, especialmente entre os máis novos e de xeito lúdico, a importancia de reducir, reutilizar e reciclar os plásticos.
Este posto, que percorreu durante o verán distintos areais galegos, forma parte das liñas de acción desta campaña impulsada conxuntamente pola Consellería do Mar e a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Deste a carpa anímase á xente a desfacerse do plástico de xeito responsable. Para iso, repártense bolsas coa finalidade de que garden os refugallos deste material xerados durante a xornada, para facer máis visible o seu volume; e convídase a que axuden a coidar a praia enchendo a bolsa dos plásticos que atopen.
Co fin de chegar ao público de xeito lúdico e divertido, tamén se instalou como reclamo unha ruleta con escenas de diferentes poses relacionadas co surf, para que as persoas que o desexen xoguen e repliquen a postura que lles toque nunha plataforma que imita a unha táboa de surf.
Con este tipo de medidas, a Xunta busca transmitirlle á sociedade que reducir o uso do plástico e evitar que acabe en lugares coma o mar é un cometido conxunto de toda a cidadanía.
Participación da xente nova
Arias destacou que as diferentes liñas de acción da campaña Bye Bye Plásticos tratan de calar de forma especial na xente nova, polo que a Xunta reforzou a súa presenza en redes sociais como Tik Tok, Instagram, Twitter e Facebook.
Ademais, tamén se busca a implicación dos centros educativos, aos que o Goberno galego animará a participar nun filme escolar colaborativo cun guión no que cada centro participante poderá xerar a súa parte. Esta iniciativa anunciarase a través das redes sociais e diferentes canles da campaña.