García Freije lembrou que o pasado luns dia 27 de setembro a Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, xunto alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, anunciaron que a parroquia de Aldurfe ía ser o emprazamento para a instalación dunha planta de residuos no Concello. Neste acto tamén estiveron presentes alcaldes e concelleiros da Pontenova, Meira, Pastoriza, Pol e Ribeira de Piquín que coñeceron neste mesmo acto que Aldurfe sería o emprazamento para a construción desta nova dotación, que da servicio a todos estes concellos.
Así as cousas hai que lembrar que os Alcaldes Socialistas tralo acto, fixeron público o seu rexeitamento a este emprazamento, “xa que non conta cos accesos adecuados, esta preto das vivendas e das explotacións gandeiras e o máis importante, non conta coa aprobación e o respaldo da veciñanza”. E lembran que nestes intres xa existe un emprazamento idóneo para a ubicación da planta de residuos que sería o Punto Limpio Serra de Meira, que xa conta con dotacións, espazo e accesos para este proxecto.
O Voceiro Socialista de Riotorto, José García advertiu ademais que os propios veciños e veciñas da parroquia de Aldurfe denunciaron que se enteraron de que a planta de residuos se ía instalar nesta parroquia fai 4 dias, “é dicir sen ningunha mediación coa veciñanza, nin explicación nin por parte do Alcalde Clemente Iglesias, nin por parte do PP. Por iso solicitamos este pleno extraordinario, xa que entendemos que a veciñanza de Aldurfe quere escoitar as explicacións do Alcalde sobre como decidiu que este núcleo gandeiro era o idóneo para instalar unha planta de residuos”, remarca.
José García dixo que “unha decisión deste calado debería contar co respaldo da veciñanza, e tamén coa dos grupos políticos que forman parte da corporación municipal. Gobernar de xeito sectario e caciquil ten as súas consecuencias, e o PP puido comprobalo o pasado 27 de setembro en Riotorto coas protestas da veciñanza. Riotorto non cala porque non está conforme con esta ubicación. Todos queremos explicacións”, dixo García.
Aldurfe, un núcleo gandeiro
O Concello de Riotorto aprobou nunha Xunta de Goberno Local, na que só están representados os membros do Goberno do PP, a instalación dunha nova planta de residuos na parroquia de Aldurfe, un núcleo que vive da gandeiria. E tal e como puidemos constatar estes días, conta cunha oposición frontal da veciñanza xa que o PP non lles informou en ningún momento deste proxecto. Ademais esta planta estaría emprazada nun núcleo rural, preto das casas e tamén do punto de captación de auga do Roldín, que abastece a moitas familias das parroquias de Riotorto e Espasande de Abaixo. Ademais as vías de acceso ao terreo non teñen as condicións para soportar o tráfico pesado.