Site icon Crónica3.com A Mariña

A Rede Museística lanza a programación didáctica para o novo curso, con decenas de actividades presenciais e virtuais nos catro centros

Lugo, 14 de setembro de 2021. A Rede Museística Provincial presentou esta mañá unha programación destinada aos centros educativos para o curso escolar que comeza. Os departamentos de didáctica dos catro museos que compoñen a Rede (Museo Provincial de Lugo, Museo Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial do Mar e Museo Pazo de Tor) crearon esta programación adaptada á situación sanitaria, con multitude de propostas tanto presenciais como virtuais.

O obxectivo principal desta programación é achegar, un ano máis, o patrimonio conservado nos museos ao alumnado a través dun conxunto de actividades caracterizadas polo seu compoñente educativo, lúdico e multicanle. A programación está enfocada á participación escolar, cunha perspectiva dinámica, divertida e que resulte de interese tanto ao profesorado como aos alumnos e alumnas.

Na presentación, na que participou o persoal do departamento de didáctica dos catro museos, a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, subliñou “o importante traballo que realiza a Rede Museística ano tras ano para crear vínculos coa comunidade educativa e ofrecer os recursos patrimoniais que se conservan nestes espazos para aproveitamento e aprendizaxe dos máis pequenos e pequenas”.

No que atinxe ao novo curso escolar, Maite Ferreiro sinalou “o esforzo do profesorado, equipos directivos e familias para garantir a seguridade de todos malia as carencias e recortes sufridos no ensino público, polo que a nós só nos resta colaborar e facer o posible por dinamizar as aulas con actividades tanto escolares como extraescolares”, poñendo de relevo que “camiñamos cara un modelo educativo no que se van introducindo outros xeitos de ensinar, outros métodos de aprendizaxe, e aí se atopa a Rede Museística para poñer o seu grao de area, que cada vez se fai máis indispensable”.

A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, destacou que “a educación é unha función trasversal dos museos polo que a programación orientada á comunidade educativa é froito dun traballo moi coidado e froito tamén das propostas e necesidades que nos fan chegar desde os colexios, cos que mantemos un vínculo de anos”

Programación
A guía didáctica contempla actividades comúns aos catro museos, como visitas de iniciación en 3D ou presenciais, a introspección no retrato, autorretrato e selfie, scape rooms con dez aventuras para escoller, ou programas sobre diversidade e igualdade de xénero, co recoñecemento de mulleres artistas presentes nos museos.

Tamén se ofrecen travesías participativas pola historia dos catro museos, a creación de contos populares tendo como base as coleccións da Rede Museística, ou a posta en marcha de xogos a través da literatura, o cine e o teatro; esta actividade inclúe premios para os mellores traballos.

Ademais, cada museo porá en marcha iniciativas concretas, adaptadas as características do espazo e do seu entorno e aos fondos dos que dispón, tal é o caso das rutas literarias e do xogo Memory no Museo Provincial, os contacontos na rede e a semente de antano no Museo Fortaleza San Paio de Narla, un gabinete de curiosidades no Pazo de Tor, ou actividades sobre o mar e a cultura mariñeira no Museo do Mar de San Cibrao.

Como novidade, este ano, inclúese na programación a fórmula das “maletas viaxeiras”, coa que se ofrece aos centros de levar ata eles as actividades. Nesas visitas, entregaranse materiais didácticos relacionados coas coleccións dos museos e proporase ao alumnado a creación do seu propio museo, traballando conceptos como patrimonio, identidade, territorio, inclusion ou sostibilidade.

En canto á programación extraescolar, a Rede Museística organizará tamén nos vindeiros meses diferentes actividades orientadas ás familias ao redor de datas sinaladas como o Día da Saúde Mental (10 de outubro) ou o Día Internacional das Mulleres Rurais (15 de outubro) e obradoiros con artistas visuais como Virginia Rivas, Román Corbato ou Mariana Roura.

O catálogo de actividades e os materiais didácticos que os acompañan están dispoñibles na web comunidadermpl.es

Exit mobile version