Lugo, 22 de setembro de 2021. A Deputación de Lugo acomete estes días obras de mellora do firme da estrada que une o núcleo de San Cosme de Barreiros coa Ínsua. Uns traballos que teñen un investimento de 35.350€ e que se prevé que rematen esta semana, se as condicións meteorolóxicas o permiten.
Os labores consisten na reapertura de cunetas, o estendido de aglomerado en quente e as correspondentes sinalizacións. Actúase no primeiro quilómetro da vía, dende o cruzamento coa N-634.
Trátase da antiga LU-P-0608 e é a vía que comunica o centro da vila co cuartel da Garda Civil, coa igrexa, co punto limpo e coa capela de Santo Estevo, entre outros puntos de interese, polo que dá servizo a numerosos veciños e veciñas e aos visitantes.