Lugo, 21 de setembro de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, convocou para este martes unha Xunta de Voceiros e Voceiras co fin de analizar a situación tras o anuncio de Vestas de pechar a planta de Viveiro. Na reunión, os tres grupos políticos representados na Corporación provincial -PSdeG, BNG e PP- acordaron por unanimidade unha Declaración Institucional “en apoio dos traballadores e traballadoras de Vestas e das súas familias, tanto aqueles vinculados directamente á mesma, como os relacionados coas firmas auxiliares”, e no que expresan o seu compromiso de “traballar para paliar o antes posible o efecto desta decisión empresarial, tan negativa para os veciños e veciñas da provincia de Lugo”.
O documento foi aprobado nunha Xunta de Voceiros presidida polo Presidente da Deputación, e na que participaron a voceira provincial do PSdeG, Pilar García Porto, o voceiro provincial do BNG, Efrén Castro Caloto, e o Deputado do PP, Óscar Poy Franco.
A Declaración Institucional, que será ratificada no Pleno ordinario do vindeiro martes, é a seguinte:
Ante o anuncio do peche das instalacións da empresa Vestas en Viveiro, a Deputación Provincial de Lugo quere amosar, en primeiro lugar, o seu apoio ós traballadores/as e ás familias afectadas pola decisión da empresa, tanto a aqueles vinculados directamente á mesma, como ós relacionados coas empresas auxiliares.
Durante as últimas dúas décadas, Vestas converteuse na industria máis importante de Viveiro, cunha plantilla que chegou a acadar os 300 traballadores/as nos mellores momentos da súa andaina, e cunha facturación de 640 millóns de euros no ano 2012.
O anuncio de peche é, xa que logo, unha mala noticia para os traballadores/as, para o concello de Viveiro e para o conxunto da Mariña, e polo tanto, para a provincia de Lugo, e chega nun momento en que a sociedade lucense traballa para recuperar a normalidade e impulsar un restablecemento da actividade económica que nos axude a superar os efectos da pandemia.
Dende a Deputación de Lugo seguiremos a traballar dentro das nosas capacidades orzamentarias, e esgotando o noso marco competencial, para deseñar políticas de desenvolvemento e xeración de emprego estable en todo o territorio. Seguiremos promovendo políticas de emprego, fomentando a colaboración co tecido produtivo e coa investigación universitaria, e defendendo os investimentos necesarios que consoliden a Lugo como un entorno industrial competitivo.
Estaremos a carón dos traballadores/as afectados e das súas familias, e traballaremos para paliar o antes posible o efecto desta decisión empresarial, tan negativa para os veciños e veciñas da provincia de Lugo.