Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba pedir á Xunta medidas de apoio para os traballadores de Vestas e un plan de reindustrialización para A Mariña

Lugo, 28 de setembro de 2021. A Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario celebrado este martes pedir á Xunta de Galicia que exerza as súas competencias e que impulse medidas de apoio para os traballadores e traballadoras afectados polo anuncio de Vestas de pechar a planta de Viveiro, así como un plan de reindustrialización para a comarca da Mariña con medidas concretas, achega orzamentaria, proxectos definidos e un calendario de execución e avaliación de resultados. A proposta foi plantexada polo PSdeG, e recibiu o apoio do BNG, mentres que o PP se abstivo.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, amosou o seu apoio aos traballadores e traballadoras e ás súas familias e aos postos de traballo que Vestas ten en Viveiro. “Espero que haxa algún tipo de solución, porque dende logo, nós o que defendemos é que a Xunta se implique dunha vez, que deixe de facer fotos e declaracións”. Tomé Roca incidiu en que “isto non é competencia do Goberno do Estado, como si é no caso de Alcoa, isto é competencia da Xunta de Galicia, que ten transferidas as competencias estatutarias, e vai sendo hora de que poña sobre a mesa algún Plan de Industrialización para A Mariña que solvente os problemas que se están dando nesa zona e sobre todo en relación coas empresas alí instaladas”.

“Primeiro hai que analizar a continuidade desa empresa, posto que polo que vimos a Xunta sacaba peito e rexeitaba parques eólicos, así que, se as empresas non teñen onde instalar eses elementos que fabrican, loxicamente iso ten consecuencias. Así que a Xunta terá que revisar o que está facendo. Vai sendo hora de que, despois de gobernar máis de 33 anos nesta autonomía, faga un Plan Industrial. Está demostrando unha inutilidade absoluta en terreo industrial en Galicia e neste caso tamén na Mariña, na provincia de Lugo”, indicou o mandatario provincial.

De feito, co PP na Xunta, o sector industrial galego perdeu arredor de 12.000 empregos nos anos anteriores á pandemia, e o seu peso no conxunto do PIB, que leva en caída moitos anos, redúcese a apenas un 16%. Mentres, países da fachada atlántica, como Irlanda, cunha cultura que garda moitos puntos de contacto ca galega, o peso da industria no PIB acada o 33%.

A Deputada pola Mariña, María Loureiro, incidiu pola súa banda en que “a comarca leva inmersa na preocupación que xera a situación xerada pola multinacional Alcoa, suma agora un novo peche dunha industria importante, para a comarca e para a provincia, sen que chegue o Goberno galego un só proxecto, un só plan pensado para reactivar a economía”. Reiterou a Deputada a “falta de planificación a medio e longo prazo, a falta de apostas por sectores estratéxicos. “Faltan plans para completar ciclos produtivos e sobran anuncios e trabas administrativas”, asegurou.

Declaración institucional
O Pleno aprobou por unanimidade unha Declaración Institucional “en apoio dos traballadores e traballadoras de Vestas e das súas familias, tanto aqueles vinculados directamente á mesma, como os relacionados coas firmas auxiliares”. O documento recolle tamén o compromiso da institución de “traballar para paliar o antes posible o efecto desta decisión empresarial, tan negativa para os veciños e veciñas da provincia de Lugo”.

Melloras en educación
O Pleno tamén aprobou hoxe unha proposta socialista para instar á Xunta melloras no ámbito educativo que garantan un servizo público acorde á situación sanitaria e que sexa igualitario no rural galego. Unha iniciativa que saíu adiante cos votos a favor de PSdeG e BNG, e en contra do PPdeG.

A Voceira provincial socialista, Pilar García Porto, afirmou que o presente curso académico comezou coas declaracións do Conselleiro de Educación comparando os datos de contratación do profesorado cos do 2019/2020 no que aínda non había pandemia. “Vergoña que esteamos nunha pandemia e que a Xunta reduza o número de profesorado con respecto ao ano pasado; vergoña que os colexios do rural sufran máis pola falta de docentes; vergoña que se volva a atacar aos servizos públicos no rural, discriminando aos nenos e nenas galegas polo seu lugar de residencia”, indicou. “Rexeitamos estas políticas porque a educación é unha prioridade, nós defendemos os intereses da nosa provincia”.

“Hoxe hai 625 docentes menos que no curso anterior, o que prexudica á educación pública, mentres que outras comunidades autónomas aumentaron ata o 68% o número de docentes”, subliñou García Porto. “O Estado enviou fondos extra de 827 millóns de euros para reforzar os servizos públicos, pero, onde van? Son os que se destinan a amañar as cubertas? Iso non é reforzar un servizo, iso é mantemento”, indicou.

A Deputada puxo varios exemplos que evidencian a situación descrita. “No IES de Becerreá, a Xunta quere suprimir aquelas materias que teñen unha matrícula baixa, como é o caso de Francés; no CEIP das Nogais, todo o alumnado de Educación Primaria está integrado nunha única aula de 13 alumnos e alumnas; ou o que acontece no IES Lamas das Quendas de Chantada, onde a veciñanza ten iniciada unha mobilización pola redución de sete docentes con respecto ao curso pasado, o que suporá a perda da ESA (Educación Secundaria de Adultos) e do programa CUALE de linguas”.

Con respecto ao colexio de Baamonde, a Deputada lembrou a situación das familias de Begonte que non teñen transporte escolar nas paradas que tiñan solicitado. “O impacto que a redución de profesorado ten no rural, súmase ao feito de que a Xunta non garante o transporte escolar gratuíto aos alumnado de ensino obrigatorio. É o caso das familias de Begonte, que contemplan con estupor como o autobús escolar pasa por diante das súas casas sen facer a parada que teñen solicitada, nunha situación que xa mereceu as portadas de prensa polos tintes caciquís dun conflito que vén de lonxe”.

Exit mobile version