A institución eclesiástica aportará pola súa banda outros 50.000€, polo que o total do investimento recollido no convenio ascende a 100.000€.
O mandatario provincial subliñou que con esta achega, a Deputación demostra novamente o seu “compromiso pola promoción do territorio para dinamizar a economía e o turismo. Un compromiso que vimos demostrando dende o principio do mandato con iniciativas importantes, como a entrada da institución na Ruta Transrománica, recoñecida polo Consello de Europa”.
Na visita e na sinatura do convenio, xunto ao Presidente da Deputación e o Bispo de Mondoñedo-Ferrol, estiveron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o ecónomo da Diocese, Xosé Fernández.
As actuacións consistirán na renovación das cubertas da igrexa viveirense de Santa María de Magazos, e da igrexa pastoricega de San Miguel de Saldanxe, e no lousado da cuberta da capela begontesa de San Vitorio, na parroquia de Damil.
José Tomé destacou que “cada un destes templos é un edificio único e orixinal que responde ao seu entorno directo e momento histórico no que foi construído, pero que ademais se mantivo en uso continuo ata o día de hoxe” e engadiu que “por iso é imprescindible unha intervención co máximo rigor para a conservación das súas características orixinais e o mantemento das súas funcións”.
O Presidente fíxolle entrega ao Bispo dun exemplar do primeiro volume Lugo Románico dedicado á Ribeira Sacra, dunha réplica da Catedral de Mondoñedo e dun exemplar de A Biblia na iconografía pétrea lucense.
Igrexa de Santa María de Magazos
Na igrexa de Santa María de Magazos, en Viveiro, hai vestixios dunha sinxela construción gótica do s.XV, aínda que o edificio foi profundamente reformado no século XVIII e posteriormente tamén no século XX. Cunha superficie construída de 328 metros cadrados, componse dunha nave principal e outra secundaria, que conforman unha planta de cruz latina.
A súa configuración arquitectónica, se ben responde a un esquema tradicional neste tipo de construcións, conta con elementos que lle confiren un carácter único, como a disposición dos bancos acaroados aos muros laterais, a simetría imperfecta que aportan os pórticos e a súa contraposición á altura da espadana, e a posición elevada realzada pola escalinata de acceso desde a súa parte oeste, dominando unha ampla perspectiva que lle proporciona unha posición predominante na contorna, converténdose no elemento singular que a caracteriza.
A intervención que contempla este convenio céntrase na renovación da cubrición dos dous pórticos laterais cos que conta o edificio, incluíndo a substitución dos elementos estruturais. Unha actuación imprescindible para deter o deterioro avanzado destes elementos.
Igrexa de San Miguel de Saldanxe
O patrimonio artístico da Pastoriza destaca polos seus numerosos cruceiros, capelas e igrexas rurais esparexidas por todo o termo municipal. Entre elas está a de San Miguel de Saldanxe, no núcleo da Torre. Trátase dun templo exento de planta rectangular moi próximo á estrada desde a que ten acceso e cun cemiterio na mesma parcela.
Construído no século XVIII, conta cunha nave lonxitudinal con cuberta a dúas augas e un volume central a catro augas. Todos os faldróns son rectos e con pendente continua. A súa configuración arquitectónica responde a un esquema tradicional neste tipo de construcións. O principal elemento a resaltar, que a fai digna de mención, é a torre-campanario que domina a fachada principal.
A proposta de intervención consiste na renovación da cuberta mediante colocación dun novo entaboado sobre o existente, no que se colocarán pezas irregulares de lousa.
Capela de San Vitorio
O templo de San Vitorio de Damil é unha pequena capela datable posiblemente no século XIX, dunha soa nave de planta rectangular, con sancristía acaroada na fachada norte. O seu trazo máis singular é o adro porticado que precede á entrada principal que o fai un edificio orixinal. Destaca ademais a contorna, pois está situada nunha carballeira ao carón do río Miño.
A proposta de intervención é similar á da igrexa de Saldanxe: renovación da cuberta mediante colocación dun novo entaboado, sobre o que se colocarán pezas irregulares de lousa.